
Segundo conta Alfredo Estirado, conselleiro delegado de TRC, a contribución da compañía materialízase a través de varias vertentes. Por unha banda, participa no desenvolvemento do deseño e no despregue das estacións de vixilancia costeira. Este traballo colle corpo en dous tipos de estacións: as de curta distancia, situadas en portos e praias, e as de longa distancia, situadas en torres de comunicacións de Retegal próximas á costa. TRC colabora neste caso con Retegal na especificación, deseño e despregamento do hardware destas infraestruturas de vixilancia, especialmente no referente aos sensores de vídeo térmico e aos equipamentos de rede. Por outra banda, en colaboración co centro tecnolóxico Gradiant, TRC lidera as tarefas de investigación e desenvolvemento de novas tecnoloxías de detección e seguimento de persoas e embarcacións en imaxe térmica.
Segundo apunta Estirado acerca das potencialidades da colaboración público-privada da que fai gala a iniciativa, proxectos de longo alcance e tan complexos como Videoguard garanten ao máximo a súa eficacia e rendibilidade grazas precisamente a este tipo de traballo e unión de diferentes forzas e experiencias. Ao seu xuízo, cómpre non esquecer “que o proxecto responde a unha crecente necesidade de dispoñer de ferramentas que faciliten a detección rápida e eficaz de actividades de pesca e marisqueo furtivos, un problema que ten un especial impacto na economía galega”.
Como lembraremos, o Proxecto Videoguard presentouse en febreiro deste mesmo ano en Vilagarcía, e alí fíxose fincapé en cuestións como o seu carácter de obra colectiva (con empresas privadas e públicas e un centro tecnolóxico para darlle forma) e no feito de que se vaia pór en marcha este semestre en dous concellos galegos a xeito de experiencia piloto. Segundo informaron as entidades implicadas, o período de probas estenderase ata finais de ano e serviralle “para valorar a viabilidade de implantar o sistema na costa galega, aproveitando as infraestruturas de telecomunicacións xestionadas polo operador público Retegal, dependente da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA)”.
Como se incidiu daquela, Videoguard conta cun investimento de 1,8 millóns de euros, financiados con fondos do programa Innterconecta a través da Consellería de Economía e Industria e o CDTI. Estes e outros detalles foron amosados perante os medios de comunicación pola conselleira de Medio Rural e Mar, Rosa Quintana, a directora da AMTEGA, Mar Pereira, o director da Axencia Galega de Innovación, Manuel Varela, o director xerente de Retegal, Jose Ángel Abeal. Para o operador público-empresarial galego, cómpre ter en conta que o proxecto xorde dunha necesidade específica da Consellería de Medio Rural e do Mar e de AMTEGA, e tamén (e por extensión) da sociedade galega, cada vez máis concienciada coa protección dos seus recursos. Segundo nos contou o propio Abeal nunha entrevista previa á presentación do proxecto en febreiro, a idea básica é “tirar partido de métodos de procesado de imaxe para poder identificar patróns de comportamento anómalos nun entorno bastante complexo, como é o medio mariño”. E engadiu: “Como comportamentos anómalos podemos citar dende o furtivismo, entradas e saídas a porto en horarios non autorizados, actividades non permitidas en bateas, etc”.
Seguindo con este fío das funcionalidades específicas do sistema, lembrar que na presentación fíxose saber que “permitirá detectar embarcacións en zonas de porto e rías, así como persoas en zonas de praia, rochas e bateas en horario de día ou nocturno”. A plataforma de Videoguard está deseñada para dous posibles emprazamentos. Por unha banda, un escenario de curta distancia con estacións de videovixilancia situadas a menos de medio quilómetro das embarcacións ou persoas a monitorizar; e por outra banda un escenario experimental a unha distancia de entre 5 e 10 quilómetros da costa para o que se empregarán as torres de telecomunicacións de Retegal. Nos dous casos, o sistema grava as imaxes da zona vixiada, analiza a información procedente das gravacións e ante a detección dunha posible infracción traslada a alarma ao centro de control e dispositivos móbiles en tempo real. O sistema almacena a información permitindo a consulta e recuperación das imaxes gravadas, informaron os responsables do desenvolvemento.
Ademais, o proxecto “garante o respecto á privacidade requirida pola LOPD no seguimento e procesado de vídeo en espazos públicos, empregando técnicas de ocultación selectiva daqueles patróns visuais que puidesen permitir a identificación de persoas e embarcacións nas gravacións”. De feito, o persoal de vixilancia poderá constatar que unha persoa ou embarcación está a cometer unha infracción pero sen poder recoñecela de forma inmediata.
TRC participa no deseño e no despregue das estacións de vixilancia no proxecto Videoguard
Compartir Este Artigo
