AMTEGA convocou este martes un dos recoñecementos máis senlleiros do noso panorama open source, non só polo seu prestixio (ao seu abeiro téñense distinguido traballos tan destacables como Xeopesca de Pablo Belay, o ano pasado) senón polas portas que abre para os futuros construtores do noso sector TIC. Falamos do Premio ao Mellor Proxecto de Fin de Carreira con Licenza Libre, que vai súa VII edición. Segundo informa a axencia, a principal novidade deste ano é a súa adaptación aos novos plans formativos universitarios, ampliando a convocatoria aos traballos de fin de grao e de fin de mestrado universitario e mantendo a posibilidade de presentarse aos proxectos de fin de carreira das antigas titulacións de Enxeñaría e Enxeñaría Técnica.
O Premio está dotado con 2.250 euros, repartidos nun primeiro premio de 1.500 euros e a posibilidade de outorgar un accésit de 750 euros, se o xurado o considera axeitado pola calidade dos proxectos presentados. Os patrocinadores desta edición son o consorcio CIXUG (Consorcio para o Desenvolvemento de Aplicacións para a Xestión Universitaria), cunha achega de 1.500€ e a asociación GPUL cunha achega de 750€, ambos ao abeiro dos respectivos convenios de colaboración asinados coa AMTEGA para a realización de actividades de promoción do software libre en Galicia. Segundo explican, “o obxectivo do premio é o fomento e o achegamento dos universitarios galegos á programación aberta, e a apertura a novas posibilidades de emprego relacionado coas Tecnoloxías da Información e da Comunicación, xa que o software libre constitúe un área de traballo en crecemento”.
De querermos presentar os nosos traballos ao certame, teremos que ter en conta os seguintes requirimentos: por unha banda aqueles deberán ter sido desenvolvidos cunha aplicación libre de programación e, pola outra, ter sido publicados durante o traballo de fin de grao ou mestrado baixo unha licenza open source entre as recoñecidas como tales pola Free Software Foundation ou a Open Source Initiative.
Pode optar ao premio calquera estudante do Sistema Universitario Galego que teña defendido o seu Proxecto de Fin de Carreira, Traballo de Fin de Grao ou Traballo de Fin de Mestrado cunha nota mínima de 5.0, nalgunha das convocatorias do ano académico 2013-2014. O prazo de presentación de candidaturas remata o 30 de setembro. Todos os interesados en participar poden consultar a información na páxina do premio dentro do portal mancomún ou poñerse en contacto coa organización do premio tanto a través da Oficina de Coordinación de Software Libre da AMTEGA como da Oficina de Software Libre do CIXUG.
Convocada a sétima edición do Premio ao Mellor Proxecto de Fin de Carreira en Software Libre
Compartir Este Artigo
