É definitivo: Gowex xa non vale ren. O caso de contas e ingresos falsificados amosado os días pasados por Gotham City Research (caso do que informamos tentando amosar os puntos da traxectoria da empresa de servizos Wi-Fi nos que todo se acababa por converter directamente en fume), deu como resultado o temido número cero para calquera empresa de calquera sector. Ese é o valor que lle dan tres Sicav do Banco Santander, que perderon de xeito definitivo máis de 200.000 investidos na empresa TIC. Como lembraremos, a enleada de Gowex iniciouse con este mes de xullo, cando Gotham acusou directamente ao ex presidente da compañía, Jenaro García, de falsear as súas contas e inflar o valor das accións no Mercado Alternativo Bolsista, no que cotizaba.
Logo veu a investigación e días máis tarde o ex responsable de Gowex comezaba a declarar perante a Xustiza. Supostamente, García falseou as contas da empresa durante polo menos os últimos catro anos. A comparecencia perante o xuíz Santiago Pedraz, da Audiencia Nacional, saldouse coa posta en liberdade de García baixo fianza de 600.000 euros, que terá que pagar en dúas semanas para evitar acabar na cadea. Este mércores o caso xerou máis información a través da devandita valoración que fan os tres Sicav do Banco Santander (Sualfer, Gozuri Finanzas e ESM Nuevo) acerca da empresa TIC investigada. O tres dan por perdido o seu investimento e asignan como dixemos un valor de cero á empresa Gowex. Isto, din, responde á suspensión da súa cotización e ás novas sobre posibles anomalías nas súas contas.
Gowex xa non vale ren
Compartir Este Artigo
