Acontece nisto da tecnoloxía que cando vai chegando unha novidade, resulta que xa hai outras en preparación. Ao fío disto, temos o ocorrido recentemente coa tecnoloxía coñecida como LTE (Long Term Evolution), máis popularmente chamada 4G. Ben, pois mentres unha boa parte de nós a recibe como o máis avanzado das comunicacións móbiles, moitos descoñeciamos que o camiño cara ao 5G xa comezou e que “unha gran actividade investigadora está prevista para os vindeiros anos”, segundo nos conta o centro galego Gradiant, que ten entre mans unha parte importante desa “actividade investigadora”.
Por certo que a medio prazo prevese que nada ou ben pouco do que vexamos teña que ver co que vemos agora. O que acontece estes días coas autoestradas galegas (esas colas de coches que se amorean cada fin de semana ante unhas barreiras de peaxes que deberan estar abertas) vale para amosar o que queremos dicir: as infraestruturas actuais fan pescozos de botella cos fluxos crecentes de tráfico. A nivel de telecomunicacións, será preciso “un redeseño das infraestruturas” para dar acubillo axeitado a tanto vídeo de ultra alta resolución ou á Internet das Cousas (un número inxente de obxectivos cotiáns intercambiando información a tempo continuo), informa Gradiant. Aí entran en xogo iniciativas como o 5G Public Private Partnership (5G PPP), para dar resposta ás demandas das comunicacións da vindeira década. Para o centro galego, os retos pasan en boa medida por aumentar a capacidade das redes sen fíos ata mil veces e ofrecer unha maior variedade de servizos que en 2010. Tamén pasan por facilitar despregamentos moi densos de ligazóns de comunicacións sen fíos para conectar máis de 7 billóns de dispositivos servindo a máis de 7 mil millóns de persoas; ou por acadar latencias de menos de 1 ms.
Polo que se refire aos traballos específicos do centro galego, cómpre salientar os traballos desenvolvidos ao abeiro do proxecto europeo BATS (Broadband Acces via Integrated Terrestrial & Satellite Systems), do que xa temos falado en Código Cero. Segundo fixemos saber, trátase dunha iniciativa dirixida a impulsar ensaios para a futura banda larga europea e conta con financiamento do sétimo Programa Marco da Unión Europea e de cuxo consorcio forma parte Gradiant. Ao aberiro de BATS, o centro galego está a estudar a posibilidade de empregar formas de onda 5G sobre satélite para futuras redes integradas. O Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia tamén forma parte da plataforma europea Networld2020, contribuíndo activamente aos white papers do 5G PPP. Asemade, Gradiant estivo presente na caseta Next Generation Satellite Broadband Systems da conferencia EUCNC14 en Bolonia (24-26 de xuño), na que se presentaron os puntos de vista e oportunidades de 5G PPP.
O centro galego Gradiant contribúe a preparar o camiño da tecnoloxía 5G
Compartir Este Artigo
