Estes días Tuenti está a celebrar os seus 10 anos de historia, e a que fora rede social, agora convertida no operador móbil virtual .Tuenti, anuncia o redeseño da súa aplicación co obxectivo de chegar ata o millón de clientes de telefonía móbil en España e América latina, o que parece ser a pantalla que cubre o feito de que, segundo publican en El Confidencial, a compañía estaría a preparar o peche da súa plataforma social que pese a ter chegado aos 20 millóns de usuarios, non conseguiu manter a súa rendibilidade.
Para os usuarios de Tuenti está claro que a rede sociais leva moitos meses morta, de xeito que simplemente a súa actividade actual limítase a non eliminar os contidos acumulados durante toda unha década, e posiblemente a saída desta situación de estancamento sería o Photos Project, unha estratexia de peche para facer posible que a rede social de Tuenti diga adeus, facilitando a recuperación por parte dos usuarios dos 6.000 millóns de fotografías que estarían almacenadas nos servidores, sen resultar produtivas, e ocasionando á empresa unha perda de tempo e recursos (fálase de que na súa situación actual, o mero feito de manter Tuenti en hibernación podería estar a custar máis dun millón de euros ao ano). Confíase en que o mecanismo que poñan en marcha permita descargar as todas as fotografías dun usuario de vez, sen ter que ir unha a unha, facilitando así a recuperación dos contidos dun usuarios, para que logo poidan borrarse dos servidores e non rematar coa plataforma dun xeito tan drástico coma fixo Fotolog (compañía que finalmente volveu a pór os seus servidores en liña par anunciar que manterán os seus contidos ata o 20 de febreiro, dando así a oportunidade ao usuarios a facer copia dos seus contidos).
Dende a compañía son conscientes de que ser usuarios de Tuenti como rede social non é reclamo para ser cliente do operador .Tuenti e, de feito, a taxa de conversión de usuario a cliente no seu día foi moi baixa, de aí que non sorprendan as informacións que apuntan ao peche da rede social para centrarse en .Tuenti, marca de baixo custo de Movistar, que está a ter unha boa acollida con máis de 600.000 clientes en España, Perú, Ecuador, Arxentina e México.
Tuenti podería botar en breve o peche da súa rede social
Compartir Este Artigo
