Cada vez hai unha maior concienciación sobre os problemas que supoñen os ataques informáticos a través da Internet, e no caso dos medios de comunicación (e plataformas de reivindicación política e social) resultan especialmente preocupantes os ataques de denegación de servizo, que poden lesionar o dereito á información dos cidadáns ao bloquear o acceso a un contido saturando os seus servidores na web, e para axudar a evitar tal situación dende Google decidiron ampliar o seu Project Shield a páxinas web informativas de todo o mundo, de xeito que as páxinas web que o desexen poden integrarse nesta iniciativa para protexer os contidos dos ataques en liña.
O uso de Project Shield é de balde, de xeito que organizacións informativas independentes poden así gozar desta plataforma para ter certa tranquilidade ante o feito de que un ataque poida deixar os seus contidos inaccesibles. Google tamén acepta dentro deste programa a outros editores de contidos (que incluso poden ser particulares) que queren publicar informacións que poidan resultar polémicas e que queiran protexerse de ataques que censuren o seu acceso (principalmente encaixarían dentro desta casuística as publicacións electorais e sobre os dereitos humanos).
Google axuda a protexer as novas do mundo dos ataques informáticos
Compartir Este Artigo
