En 2012 Google anunciou un revolucionario proxecto para levar fibra óptica ata os fogares a velocidades de ata 1 Gbps, Google Fiber, que comezou na cidade de Kansas, onde destacaba polo seu paquete básico de balde (aínda que con prezo de instalación e unha velocidade moi limitada), pero este tipo de iniciativas revolucionarias dificilmente poden manter o seu pulo baixo as condicións económicas iniciais, e así xa podemos ver como Fiber deixou de aceptar novos subscritores do seu paquete de balde (que tiña unha velocidade de 5/1 Mbps), introducindo un novo paquete de 100 Mbps simétricos a 50 dólares/mes (con instalación de balde), que tería pouco de revolucionario, xa que estaría na liña do que xa ofrecen operadores de telecomunicacións tradicionais en zonas de alta competencia.
Agora que Alphabet ten as súas divisións separadas en distintas compañías resulta evidente que Google Fiber ten problemas de rendibilidade económica, de aí que non sorprende que busquen novas fórmulas para poder adaptar o servizo nun modelo de negocio sustentable para achegar Internet, televisión e teléfono aos fogares.
Polo momento o paquete de Fiber de balde mantense nun par de mercados nos que está a espallarse (Provo e Austin), pero en vista de que están comezando a deixar de ofrecer tal promoción (enténdese que para os usuarios actuais terán que mantela de xeito indefinido) é posible que só se perciba como un xeito de dar a coñecer o servizo para atraer aos usuarios aos paquetes máis completos (que distan de ser de baixo custo, xa que unha experiencia completa custaría 130 dólares/mes para gozar de fibra a 1 Gbps e un completo servizo de televisión).
Google Fiber comeza a deixar de ofrecer conexións de balde a novos usuarios
Compartir Este Artigo
