A semana pasada celebrouse no Consello da Cultura Galega unha xornada sobre metodoloxías e tecnoloxías para defender, preservar, divulgar, acubillar, xestionar e reivindicar o noso patrimonio nas súas múltiples manifestacións. O encontro, organizado polo CCG, desenvolveuse baixo o epígrafe Patrimonio e comunicación, Novos paradigmas. Os relatores participantes coincidiron en salientar a necesidade de botar man dos novos recursos TIC para “traballar de xeito colaborativo entre todos os sectores implicados”. Ademais, avogaron por tirar proveito das redes para emprazar no espazo público os nosos múltiples sinais do pasado: audiovisuais, textuais, arquitectónicos, escultóricos, etc. A xeito de exemplos de cousas que se poden facer coas novas tecnoloxías falouse de dixitalización de vídeos familiares para subilos á Rede (Socheo), rexistrar e visualizar escavacións en directo, crear folletos turísticos interactivos, etc.
No evento participou, entre outros, o director do Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC, Felipe Criado, que fixo un chamamento para “implicar á cidadanía” e “reconquistar ese espazo a través de accións que deben involucrar tamén a profesionais doutros ámbitos como o da socioloxía, a antropoloxía e a comunicación”. Tamén falaron (na mesa Patrimonio e sociedade) Mar Bóveda (debullando a iniciativa de roteiros alternativos Fai túa Compostela) e Manuel Ángel Pombal (que amosou o proxecto Costa dos Castros, no que xuntaron forzas varias comunidades de montes do sur da nosa terra para desenvolver accións de posta en valor dos xacementos castrexos da súa contorna).
Outro dos relatores foi Alejandro Lamas, da firma Sixtema, quen falou “das vantaxes e características do contido dixital relacionado co patrimonio no turismo”. Asemade interveu Carmela Sánchez, de Etnoga, quen se centrou en visualizar a súa experiencia en dúas liñas de negocio: o patrimonio lúdico e os itinerarios relacionados co patrimonio funerario.
A xornada tamén contou coa presenza de Manuel Gago, profesor da Universidade de Santiago e experto en divulgación cultural, quen botou luz sobre cuestións como o uso das novas tecnoloxías para darmos conta dunha acción a prol do patrimonio, que detalles da narrativa ter e conta e, en definitiva, que metodoloxías seguir para “contarmos unha historia”.
Igualmente, ao abeiro do encontro do CCG explicáronse dous casos concretos de reivindicación “do noso”, como son a iniciativa de recuperación e difusión audiovisual do Proxecto Socheo (iniciativa do director Xurxo González dende a vila da Guarda, que consiste basicamente en facer fronte común cos veciños desta localidade costeira para sacar á luz e dixitalizar o seu rico patrimonio audiovisual, conservado na súa meirande parte nos fogares e en diferentes formatos analóxicos) e a web do Castelo da Rocha Forte en Compostela (páxina ao servizo de público en xeral e seareiros e profesionais da investigación histórica e arqueolóxica, desenvolvida pola empresa A Navalla Suíza e impulsada polo Concello de Santiago co obxectivo de promover o devandito castelo santiagués e a contorna dende o punto de vista patrimonial e tamén turístico).
Os relatores da xornada Patrimonio e comunicación amosan como reivindicar os nosos tesouros a través das TIC
Compartir Este Artigo

