A semana pasada desenvolvéronse as conferencias do programa Ourense ICC Week, organizadas pola Deputación para (entre outras cousas) impulsar o patrimonio e a cultura da provincia a través das novas tecnoloxías (e viceversa: fomentar o uso das tecnoloxías a conto da cultura e o patrimonio). O peche das conferencias correu a cargo do presidente do organismo provincial, Manuel Baltar, e do redactor xefe da revista Wired UK, David Rowan. O titular do Goberno provincial aproveitou a ocasión para propor “un modelo de smart province” con servizos interconectados que “permitan crear unha rede provincial de infraestruturas tecnolóxicas”.
Baltar tamén falou do proxecto de Provincia Intelixente da Deputación, baseado “na creación dunha plataforma común de software e unha zona de servizos conectados que ofrezan aos cidadáns información compartida e en tempo real de todos os ámbitos de interese para a cidadanía”. Este é, dixo, o concepto de interconexión territorial que conformará o que se coñece como proxecto Smart Ourense.
O presidente provincial engadiu que a estratexia de posicionamento internacional da marca Ourense, a promoción das singularidades da provincia e máis un modelo de xestión pública baseado en iniciativas innovadoras e de participación (“que facilitan a relación administración-cidadán”), son o alicerce do proxecto Smart Ourense, “que terá as súas liñas de acción na cooperación público-privada e na transparencia”.
No acto celebrado no Teatro Principal de Ourense, tamén participaron o redactor xefe de Wired UK, David Rowam, especialista en temas de tecnoloxía, negocios e innovación, e Alberto Valero, director do proxecto educativo Bq, vencellado a proxectos de innovación educativa.
Pola mañá, no espazo A Molinera, expertos de distintos sectores abordaron a cuestión da economía creativa e o futuro dos contidos. Participaron: Juan Rivas, coordinador da ICC Week, que actuou como moderador, Edgar Martin Blas, director executivo en New Horizonts VR; Áurea Rivela, directora de Uptopic us, Zinc Shower; Millán Berzosa, adestrador de Google News Lab (España e Portugal) e Julio Manso, xefe de Vendas de Admanmedia.
Neste debate analizáronse as tendencias actuais na era da Sociedade da Información, e tamén novos proxectos de mercadotecnia dixital, redes sociais, xeración de contidos, realidade virtual e análise de datos. Tamén houbo actividades para os máis pequenos na ICC Kids, cunha conferencia do profesor de artes plásticas José Rivela e os seus alumnos da ESO, na que falaron da súa experiencia na creación da curtometraxe Looking for Bill Viola, e a súa relación co artista estadounidense Bill Viola, actividades que se completaron con talleres de plastilina, pintura condutiva e stop-motion.
Ourense quere ser unha smart province, interconectada e participativa
Compartir Este Artigo

