A iniciativa de AMTEGA para loitar contra a fenda dixital na nosa terra ten gañado importantes apoios. Falamos do Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020, un programa dirixido a facermos fronte común para que ningún cidadán fique fóra das vantaxes da Sociedade Información (e que segundo puidemos saber recentemente conta con máis de 700 aliados). Os días pasados, sen ir máis lonxe, formalizouse a adhesión ao Plan da Fundación Vodafone. En base a isto, as dúas entidades puxeron en marcha este mes a segunda edición do proxecto Aprende a usar o smartphone para introducir ás persoas maiores no manexo dos teléfonos móbiles intelixentes.
A actividade, que se prolongará ata novembro, chegará a 19 aulas da Rede que ofertan preto de 300 prazas. Segundo informa a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), cada un dos centros CeMIT participantes disporá de diversos terminais telefónicos “para facilitar a aquelas persoas que non dispoñan deles o seu manexo”. Ademais, os usuarios recibirán unhas guías en papel que recollerán, “dunha forma visual e sinxela”, as operacións e aplicacións básicas “de interese para este colectivo”.
As aulas implicadas disporán dunha serie de vídeo pílulas formativa que servirán de material de apoio audiovisual á hora de formar “dunha maneira doada e á medida da persoa interesada”. Segundo informa AMTEGA, “as vantaxes que ofrece o uso destes teléfonos para as persoas maiores son moitas en aspectos relacionados coa súa seguridade (xeolocalización, teleasistencia…); coa posibilidade de gozar novas formas de lecer (lectura, música, libros, xogos, turismo, museos, monumentos, cultura, gastronomía, TV…); con novas posibilidades de relacionarse cos demais (redes sociais, intercambio de fotos e vídeos, mensaxería por Internet,…); cun acceso máis rápido a información (noticias e prensa en liña), con aplicacións de servizos xerais (accesibilidade, administración electrónica, eSaúde), en calquera lugar e a calquera hora.
As persoas interesadas en asistir aos cursos poden consultar as datas e formalizar a súa inscrición na páxina web da rede CeMIT, onde tamén atoparán os datos de contacto de cada unha das aulas para resolver ás dúbidas que poidan xurdir. As 19 localidades que ofertan estas actividades son: A Coruña, Cerceda, Ortigueira, As Pontes, Santa Comba, Sigüeiro-Oroso, Vimianzo, Barreiros, Carballedo, Sarria, Manzaneda, Verín, Xunqueira de Ambía, Cuntis, A Guarda, Ponteareas, O Porriño, Valga e Vigo.
A Fundación Vodafone e AMTEGA abren unha nova edición do curso para introducirnos no smartphone
Compartir Este Artigo

