
A causa contra Majerczyk iniciouse en Los Angeles, pero finalmente acordaron trasladala a Illinois para o acordo de culpabilidade e a sentenza que podería chegar a un máximo de 5 anos en prisión federal. O acusado recoñeceu que entre o 23 de novembro de 2013 e agosto de 2014 realizou ataques de phishing para conseguir credenciais de acceso das súas vítimas, conseguindo así acceso ás súas contas de iCloud e Gmail, o que facilitou o acceso a información sensible entre a que figuraban fotografías e vídeos persoais de xeito que a intrusión non foi só en contas en liña, senón na propia vida privada das súas vítimas. Precisamente por iso a axudante de dirección da oficina de Los Angeles do FBI declarou que “como a meirande parte dos nosos dispositivos conteñen información privada, casos como este lémbrannos a protección dos nosos datos. Os membros da nosa sociedade cuxa información é demandada podería ser máis vulnerable e directamente marcada como obxectivo”.
Estímase que Majerczyk accedeu a máis de 300 contas de membros da industria do lecer en Los Angeles, dos que cando menos 30 corresponderían a celebridades. A condena á que ten que enfrontarse o acusado é menor do que podería pensarse nun principio porque, se ben aceptou a culpa da intrusión informática, non hai evidencias de que tivese algo que ver coa súa posterior publicación.
Un dos responsables do CelebGate terá que enfrontarse ata a 5 anos de cadea
Compartir Este Artigo
