O proxecto de Memoria Dixital de Galicia, aprobado polo Goberno galego o pasado 7 de xullo, celebrou hoxe a súa primeira xuntanza na Cidade da Cultura, que será onde se aloxará e custodiará esta estratexia impulsada dende o ámbito público a través da Consellería de Cultura e a AMTEGA, en colaboración coa sociedade galega e con todos os axentes implicados na xestión do patrimonio cultural galego, as chamadas Institucións da Memoria.
O Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira, e o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, abordaron cos representantes de 16 entidades galegas as liñas xerais do proxecto e as primeiras medidas que se porán en marcha.
Nesta primeira xuntanza participaron representantes do Parlamento de Galicia; da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP); das catro Deputacións provinciais; das Universidades da Coruña, Santiago e Vigo; da Real Academia Galega; da Real Academia Galega de Belas Artes Nosa Señora do Rosario; da Real Academia Galega; do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento; do Museo do Pobo Galego; da Compañía da Radio Televisión de Galicia e da Televisión Española en Galicia
A Xunta abrirá a finais de ano unha convocatoria de axudas por un importe de 800.000 euros para a dixitalización de fondos destinada a todas as entidades implicadas na conservación de fondos culturais. No mes de outubro verá a luz outra das iniciativas sobre chave da Memoria Dixital, a entrada en funcionamento do Arquivo Electrónico Patrimonial a cuxos fondos dixitalizados se poderá acceder desde un portal web.
A Memoria Dixital de Galicia conta cun orzamento público de 9,1 millóns de euros, dos cales 5 millóns proceden da cuarta liña estratéxica da Axenda Dixital de Galicia 2020, para impulsar a accesibilidade dixital do patrimonio cultural. Os 4,1 millóns restantes proveñen dunha candidatura conxunta da Xunta e 15 socios ao Programa Operativo Interreg para avanzar cara unha memoria dixital transfroteiriza Galicia-Norte de Portugal, aliñada coa Memoria Dixital de Galicia.
Unha das primeiras liñas de actuación contempladas na Memoria Dixital é a definición dun marco técnico común para todos os axentes e institucións involucrados na conservación do patrimonio, coa normativa, directrices, criterios e estándares para a dixitalización e preservación dos elementos patrimoniais.
O proxecto da implica aplicar a innovación tecnolóxica actual e futura a todo o ciclo de vida da preservación do patrimonio e da xestión da actividade cultural. Así, o uso de sistemas de información xeográfica para xeorreferenciar os elementos do patrimonio cultural material e inmaterial, o emprego de técnicas de dixitalización en 2D e 3D, de solucións en mobilidade e a realidade aumentada e do Big Data e Linked Open Data serán esenciais no novo modelo de xestión do legado cultural de Galicia.
Primeira xuntanza dos axentes que facilitarán a creación da Memoria Dixital de Galicia
Compartir Este Artigo

