
Para saber en que fase se atopa o noso proceso só precisaremos identificarnos na sede cun certificado dixital ou co DNI electrónico.
Isto polo que atinxe á primeira fase dunha sede xudicial, que irá incorporando funcionalidades de maneira progresiva, como por exemplo a de podermos iniciar procedementos monitorios, unha fórmula xudicial para reclamar impagos, que non precisa da intervención dun avogado ou dun procurador.
O obxectivo, lembra estes días AMTEGA, “é que a sede se consolide como canle única para todas as actuacións, procedementos e servizos do ámbito xudicial como a presentación telemática de escritos, a validación de documentos, o acceso ao taboleiro de edictos, as notificacións electrónicas, poxas xudiciais ou o acceso seguro aos expedientes dos procesos xudiciais nos que se é parte”.
A sede xudicial estará accesible desde o portal xustiza.gal e, en palabras da axencia que dirixe Mar Pereira, “é unha das pezas clave da Xustiza sen papeis, un proceso complexo e progresivo, que se conseguirá unha vez que estea implantado o expediente xudicial electrónico”. Entre as pezas que compoñen o EXE están as comunicacións integramente telemáticas entre os axentes xudiciais, e o conxunto de sistemas e solucións tecnolóxicas que conseguirán que o ciclo vital dos documentos xudiciais sexa completamente dixital como o visor do expediente xudicial; a integración da sinatura electrónica nos sistemas de información de xuíces e fiscais; a consolidación dun repositorio xudicial único; o sistema de gravación de vistas eFidelius ou o sistema de videconferencias.
A partir de outubro poderemos consultar en liña o estado no que se atopan os nosos procesos xudiciais
Compartir Este Artigo

