A edición 2016 (edición XI) da xira tecnolóxica @asLAN terá novamente recalada galega. Trátase dun roteiro informativo (e formativo) por diferentes cidades estatais, que se remonta a 2005 da man da asociación @asLAN e que ten pasado por Santiago e por Coruña, tratando temas como a mobilidade e as posibilidades empresariais da nube, ou abordando cuestións sobre tecnoloxías IP e converxencia dixital. Segundo nos conta o Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG), a cidade da Coruña será o escenario da parada galega da xira. Baixo o epígrafe Transformación dixital. Todo conectado, celebrarase o 28 de setembro no Hotel Hesperia Finisterrre. O COETG colaborará, como vén sendo habitual, na organización do evento.
Por certo que a xira arranca o 22 de setembro en Bilbao, e, logo da recalada na Coruña, pasará por Barcelona (20 de outubro), Mallorca (16 de novembro) e Sevilla (23 de novembro).
Segundo informa o COETG, en todas as cidades desenvolverase un extenso programa, con conferencias que xirarán arredor do papel das tecnoloxías en rede para impulsar a transformación dixital, amais ofrecerse “unha ampla perspectiva sobre importantes tendencias de futuro e solucións tecnolóxicas dispoñibles para construír infraestruturas dixitais aliñadas co negocio”
No tour xuntaranse fabricantes IT internacionais, socios tecnolóxicos rexionais e responsables de desenvolvemento tecnolóxico-dixital do sector público e privado.
Segundo informa o Colexio galego, os asociados/colexiados do COETG interesados en acudir terán acceso de balde a todas as conferencias e coffee break da xira e condicións especiais de almorzo no hotel de celebración.
O COETG colabora un ano máis na parada galega da xira @asLAN
Compartir Este Artigo

