
Segundo informan, o devandito polo de innovación dixital para o sector agroalimentario permitirá a confluencia, pola banda da demanda, dun sector produtivo e transformador aberto á incorporación de tecnoloxías e servizos innovadores adaptados á súa realidade e, pola banda da oferta, a conxunción de provedores tecnolóxicos e de servizos, así como dos centros de coñecemento e innovación xeradores de solucións e melloras demandadas polo sector.
Ademais, engaden, os obxectivos desta iniciativa conxunta do Campus Terra da USC e Gradiant “pasan por establecer unha dinámica proveitosa de colaboración aberta e áxil en aras de acadar unha maior competitividade para o sector agroalimentario, ampliar as oportunidades de negocio e o potencial exportador para os provedores tecnolóxicos, ademais de xerar novas posibilidades de capitalización do coñecemento existente nos centros de investigación e innovación galegos”.
A maiores, Gradiant e o Campus Terra coinciden en recoñecer que a posta en marcha do dito hub salientaría o importante peso que teñen na nosa economía os sectores da produción agraria, gandeira e de transformación de alimentos no conxunto da economía, do territorio e da sociedade galega. En base a isto, o polo de innovación busca “aliñar esforzos e optimizar as ferramentas dispoñibles”, modernizar os sectores primarios e impulsar as novas tecnoloxías como “tractoras da economía e do coñecemento”.
Gradiant e USC crearán un polo de innovación ao servizo do noso tecido agroalimentario
Compartir Este Artigo

