O XXXIX Congresso Brasileiro de Ciências da Comunicação acolleu no mes de setembro a presentación dun exhaustivo informe sobre o estado de saúde do galego na Sociedade da Información e sobre as súas posibilidades de supervivencia fronte ao castelán ou o inglés, as linguas dominantes que por tradición (e agora máis que nunca) máis terreo lle “comen”. O estudo en cuestión, certamente, non achega moitos sinais para sermos positivos. De feito, reflicte (entre outras cousas) que malia que medra o uso do noso idioma na Rede, as empresas e os mozos da nosa terra prefiren “en maior medida o español para comunicárense no ámbito dixital”. Cómpre salientar que tanto mozos como empresas son dous axentes cruciais para a normalización e o espallamento do galego neste eido. De feito, se eles optan polo castelán, rómpese a cadea.
O devandito estudo vén da man de dous investigadores (Ester Coelho e Riverson Rios) da Universidade Federal do Ceará, Fortaleza (Brasil). Presentaron o seu traballo (Multilinguismo e a Representatividade Online: a Situação do Idioma Galego na Web) no marco do devandito congreso, celebrado en São Paulo o pasado mes de setembro.
O artigo analiza a presenza do idioma galego tanto no ciberespazo internacionais como no noso propio ámbito galego. Para a súa elaboración, debulláronse informacións ligadas ás políticas de protección da lingua, estatísticas e exemplos prácticos, facendo fincapé no emprego do galego en distintas páxinas web de empresas, blogs, na enciclopedia dixital Galipedia e nas redes sociais. Con este vimbios foi posible artellar o panorama de representatividade e inclusión dixital do idioma galega en comparación co castelán.
Segundo indican, é certo que houbo un crecemento do galego no ámbito dixital, e que este ámbito garantiu en certa maneira as posibilidades de supervivencia de determinadas linguas minorizadas, pero tamén foi posible constatar que existe unha desconexión á suba entre a mocidade galega empregando ferramentas en liña e a defensa e emprego do idioma de seu. O estudo é claro ao respecto: “Apesar de grande parte da população jovem da Galiza está incluída digitalmente, a utilização de seu idioma na web não é encontrada na mesma proporção”. E conclúen que a lingua galega segue sendo menos usada que o castelán polos galegos, tanto en páxinas web como en redes sociais.
O galego perde a batalla no ciberespazo entre a mocidade e as empresas
Compartir Este Artigo

