Finalmente e tal e como anticiparamos dende Código Cero hai uns cantos días, Compostela foi recoñecida esta fin de semana no salón FITUR de Madrid pola calidade e pola fiabilidade da súa presenza na Rede en materia en turística. Máis polo miúdo, a capital de Galicia recibiu este venres o premio ao destino con mellor reputación en liña que entrega o buscador-comunidade Trivago. No acto participaron o alcalde, Martiño Noriega; a concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois; a xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil; a presidenta de Turismo de Galicia, Nava Castro; e a presidenta da asociación Hostalería Compostela, Sara Santos.
Segundo fixo saber o rexedor compostelán, a distinción de Trivago demostra que “ademais do atractivo dos recursos patrimoniais, culturais e gastronómicos de Santiago, a cidade ten outro engado que ten que ver cun sector profesional que presta un servizo de excelencia”.
Pola súa banda, o voceiro de Trivago España, Alberto Calcerrada, sinalou que “o portal quere poñer en valor o esforzo dos hoteleiros de Santiago por responder ás necesidades dos viaxeiros, e polo bo uso que fan das ferramentas que lles ofrecen as plataformas dixitais para estar á cabeza do sector”.
Lembrar que os Trivago Online Reputation Awards naceron co obxectivo de recoñecer o bo traballo dos hoteleiros, atinxindo a reputación dixital como un dos factores que mellor acredita ese labor e que, tamén, máis peso ten na decisión final do viaxeiro sobre un destino concreto.
Segundo lembra o Concello de Santiago, o estudo de prestixio en liña realizado por Trivago mostra a valoración da planta hoteleira dun destino, e obtense a partir de todas as opinión deixadas por viaxeiros en Internet ás que ten acceso Trivago. Na análise tivéronse en conta máis de 9.000 cidades de todo o mundo, e un total de máis de 200 millóns de opinións. Santiago obtivo unha puntuación de 83,72 puntos, por riba de cidades como Kioto (83,4),Varsovia (83,38), Lisboa (83,16) Bogotá (82,81) ou Washington D.C (82,44).
Trivago recoñece o labor de Compostela en materia de prestixio dixital
Compartir Este Artigo

