Este sábado temos unha cita coas competicións de robótica arredor de Lego, unha vertente que amplía o coñecemento que temos da marca (xeralmente ligado, pola nosa experiencia, ao fornecemento de bloques de construción ou kits de pazas para crianzas e non tan crianzas) cara aos amplos horizontes da creatividade, o enxeño e a intelixencia artificial. A cita, como fixemos saber os días pasados dende Código Cero, será no auditorio de Ferrol a partir das 9.00 horas. Trátase, máis polo miúdo, dunha nova edición da First Lego League Galicia, a proba galega clasificatoria para a gran final española que se celebra o 18 de marzo en Logroño. Organiza Universidade da Coruña, a través da Escola Universitaria Politécnica, a Facultade de Informática e a Escola Politécnica Superior de Ferrol. Segundo fai saber a UDC, a proba dará acubillo a unhas 600 persoas, das que 200 serán participantes.
A First Lego League é un programa internacional que promove a ciencia e a tecnoloxía con dous desafíos, un, o junior, para os nenos e nenas de seis a dez anos e outro para estudantes de dez a 16 anos. No que se refire ao primeiro, contará coa presenza de dez equipos, sen o desafío deseñar unha maqueta Lego e explicar nun póster o aprendido no proceso. O obxectivo é captar a curiosidade dos máis pequenos pola inventiva e a tecnoloxía.
Na sección de alumnado de dez a 16 anos, os trece equipos inscritos teñen que realizar un proxecto científico cos animais como proposta de tema e participar nunha competición de robots con Lego Mindstorms. O xurado valorará a adquisición de coñecementos e de valores compartidos. As salas do Auditorio de Ferrol acollerán desde as 9:30 as diferentes probas e ás 13:45h. o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, presidirá a entrega de premios aos gañadores.
A proba First Lego League Galicia está organizada por profesores da Escola Politécnica Superior, da Escola Universitaria Politécnica e a Facultade de Informática e 65 voluntarios que colaboran no desenvolvemento da xornada. Xa pola tarde, os alumnos participantes coñecerán, nunha visita guiada, as instalacións do Campus de Ferrol.
A First Lego League xunta este sábado en Ferrol unhas 600 persoas
Compartir Este Artigo

