A 12ª xornada Erros x Aprendizaxes encheu PALEXCO de experiencias empresariais innovadoras en primeira persoa
xoves, 12 de marzo do 2026
Este 12 de marzo desenvolveuse en PALEXCO (A Coruña) a doceava edición do encontro profesional Erros x Aprendizaxes, no que empresas galegas e españolas do ámbito dixital compartiron experiencias sobre os erros cometidos nos seus procesos de crecemento e as aprendizaxes que lles permitiron avanzar.
Erros x Aprendizaxes é un evento profesional no que directivos e responsables de marcas comparten, en primeira persoa, erros reais cometidos nos seus proxectos de ecommerce e como conseguiron transformalos en aprendizaxes clave para o crecemento dos seus negocios.
O evento está organizado pola Deputación da Coruña e o Clúster do Ecommerce Galego.
O obxectivo é contribuír a promover unha cultura de aprendizaxe e innovación, poñendo en valor empresas e proxectos con sede ou impacto en A Coruña e Galicia. Trátase dunha cita aliñada cos obxectivos de apoio á empresa, á dixitalización e á competitividade das empresas do sector dixital galego.
O vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira Varela, participou na apertura das actividades destacando o valor de espazos que apostan por unha visión honesta do emprendemento e que rompen coa idea dun éxito empresarial sen dificultades.
Regueira sinalou que encontros coma este permiten “desmitificar o éxito e pór sobre a mesa a verdade crúa das campañas fracasadas”, incidindo en que moitas veces os erros “non son fracasos, senón unha sorte de profesores caros”. Subliñou que a diferenza entre abandonar ou avanzar está na capacidade de aprender deses golpes e seguir adiante: “É o que diferencia a quen abandona de quen aproveita eses erros para aprender máis rápido, con menos drama e sen vergoña”, afirmou.
Regueira tamén valorou o carácter colaborativo do encontro, que anima ás empresas a compartir tanto os fallos como os acertos. Segundo explicou, esta dinámica permite “deixar a fachada nas redes e compartir tamén os pantallazos feos”, lembrando que detrás de cada proxecto empresarial que consegue consolidarse adoita haber momentos difíciles que forman parte do proceso.
O encontro
Erros x Aprendizaxes reuniu en PALEXCO responsables de marcas de referencia que explicarán, en primeira persoa, como transformaron erros en oportunidades de mellora e innovación. Son a marca de moda feminina Par & Escala; a empresa de distribución de xeo Yo pongo el hielo; a xoiaría Rígido; a cadea hoteleira Alda Hotels; a firma creativa Heimat Atlántica; Joyerías Calvo; a tenda de streetwear e sneakers Cultura Urbana; a compañía tecnolóxica compostelá Dinahosting; a axencia de mercadotecnia dixital Smartclick; e o bufete coruñés Pintos & Salgado, especializado en dereito dixital.
