Dous de cada tres fogares galegos xa están subscritos a plataformas culturais
xoves, 4 de xuño do 2026
O Observatorio da Cultura Galega do Consello da Cultura Galega (CCG) vén de constatar o bo estado de saúde do hábito lector entre a sociedade galega, cunha evolución moi positiva, segundo fai constar o informe Hábitos e prácticas culturais en Galicia. Tendencias e determinantes da participación cultural.
Os datos revelan que na última década medrou 6,4 puntos a porcentaxe de persoas que leron un libro e que se reduciu á metade a porcentaxe de persoas que non len nunca. O informe constata tamén “unha transformación dos hábitos culturais en Galicia”, cada vez máis dixitais e vinculados ao fogar. O informe xa se pode descargar desde o web do CCG.
Entre outros datos destacados, faise saber que o 64% da poboación leu algún libro durante o último ano, fronte ao 57,6% rexistrado dez anos atrás. Ademais, a porcentaxe de persoas que non len nunca ou case nunca reduciuse á metade, ao pasar do 29,2% ao 13,8%. Galicia destaca especialmente na lectura de prensa. O 70,4% da cidadanía le prensa diaria de información xeral polo menos unha vez ao mes, máis de dez puntos por riba da media estatal (59,7%). O informe identifica a lectura como o ámbito máis resistente aos cambios recentes e un dos principais activos culturais.
O informe tamén constata que a recuperación da presencialidade trala pandemia convive cun cambio estrutural dos hábitos culturais que “avanza imparable cara a dixitalización e cara ao ámbito doméstico”.
Así, dous de cada tres fogares galegos xa están subscritos a plataformas culturais e o acceso a Internet no fogar alcanzou o 81,7% e o uso de teléfonos móbiles con conexión á rede medrou desde o 26% dos fogares en 2010 ata o 88,4% actual.
Ademais, o almacenamento de contidos na nube alcanza xa o 41,8%, unha cifra superior á media española.
No informe dise tamén que “as plataformas dixitais consolidáronse como unha das principais portas de entrada á cultura”, e de feito o 57,5% dos fogares galegos está subscrito a servizos de películas e series e o 36,3% a plataformas musicais.
“A transformación tamén é evidente no consumo de música”, destaca o CCG, engadindo que o uso do teléfono móbil como dispositivo para escoitala incrementouse desde o 53,7% da poboación en 2014/15 ata o 81% actual.
“No ámbito informativo, a lectura de prensa mantense forte, aínda que cun desprazamento acelerado desde o papel cara aos soportes dixitais”, apúntase.
Segundo conclúe o estudo, Galicia presenta hoxe “un sistema cultural no que os consumos cotiáns e domésticos gañan peso fronte ás formas tradicionais de participación presencial, configurando un novo ecosistema cultural marcado pola dixitalización”.
