O CPEIG outorga o XVII Premio TFM ao enxeñeiro informático pontevedrés David Zambrana
xoves, 4 de xuño do 2026
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) outorgará o Premio Traballo Fin de Máster en Enxeñaría Informática a David Zambrana polo seu proxecto Desenvolvemento dun stack de observabilidade para plataformas de e-commerce. Será entregado xunto co resto dos galardóns anuais do Colexio (14) no marco da Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, que se celebra o vindeiro 12 de xuño en Santiago, no Hotel Puerta del Camino.
O Colexio profesional busca achegarse con este premio ao colectivo estudantil, promover as vantaxes da colexiación e estimular o traballo dos estudantes.
Os tres finalistas terán dereito a un ano de colexiación gratuíto, ao que se engade unha gratificación económica de 1.000 euros para a persoa gañadora.
A avaliación dos traballos presentados, todos eles correspondentes ao fin de máster dos anos 2024, 2025 e 2026, correu a cargo dunha comisión experta integrada por representantes do CPEIG e das tres universidades galegas. Os tres finalistas da presente edición realizaron os seus Traballos de Fin de Máster na Universidade da Coruña (UDC).
David Zambrana

- David Zambrana
O enxeñeiro en Informática e Máster Universitario en Enxeñaría Informática pola UDC, David Zambrana Seoane (Pontevedra, 2001) traballa actualmente nunha consultora TIC galega, con sede na Coruña, onde comezou a súa carreira profesional e se está a desenvolver na área de enxeñaría de sistemas, desempeñando funcións de coordinación e liderado como xefe de equipo, combinando a xestión de equipos técnicos cunha implicación activa na adopción de novas tecnoloxías, especialmente no ámbito cloud.
“A miña actividade profesional céntrase no deseño, administración e evolución de sistemas informáticos e infraestruturas tecnolóxicas, co obxecto de que a tecnoloxía aporte valor real ás persoas, aos equipos e ás organizacións. Desde que iniciei os meus estudos tiña claro que a informática era o meu ámbito de interese, pero foi ao incorporarme ao mundo profesional cando comprendín con maior claridade como os sistemas informáticos, que moitas veces se perciben como algo intanxible, teñen un impacto directo no día a día de quen os utilizan”, explica.
O seu TFM presenta unha plataforma de código aberto (open source) orientada a democratizar a observabilidade técnica e de negocio en plataformas de comercio electrónico para pequenas e medianas empresas (pemes).
Desenvolveu ShoppyEye, unha plataforma de observabilidade orientada a ecommerce que permite a pemes monitorizar en tempo real tanto a súa operativa técnica como o seu rendemento de negocio. A diferencia das ferramentas tradicionais, unifica métricas técnicas e comerciais nunha única visión. O proxecto non se limita ao desenvolvemento técnico, senón que formula un produto viable con modelo de negocio baseado en subscrición. Validado mediante probas reais, destaca polo seu baixo custe, facilidade de integración e potencial de comercialización.
“David Zambrana abordou o traballo desde unha visión máis próxima ao produto, identificando unha necesidade real, analizándoa, desenvolvéndoa tecnicamente e converténdoa nunha solución con capacidade para aportar valor práctico”, salientou o CPEIG.
“Recibir este premio supón unha gran satisfacción persoal e profesional. É especialmente gratificante que se recoñeza un traballo académico que, desde o primeiro momento, foi presentado coa intención de ir máis alá dun simple proxecto universitario. O obxectivo era identificar unha necesidade real, analizala e desenvolver unha solución que puidera aportar valor práctico. Considero que recoñecementos como este contribúen a poñer en valor a Enxeñaría Informática e o papel que desempeña na sociedade. Para min é tamén unha motivación para seguir formándome, continuar crecendo profesionalmente e contribuír ao desenvolvemento dunha profesión cada vez máis relevante para a transformación dixital de empresas e organización”, asegura.
Finalistas do Premio TFM

- Alejandro Esteban
Nesta décimo sétima edición do galardón foron finalistas Alejandro Esteban Martínez, como segundo clasificado, e Adrián López Gude, como terceiro, ambos da UDC.
O proxecto do enxeñeiro en Informática Alejandro Esteban (A Coruña, 2021), Aprendizaxe federado para a detección de intrusos en redes informáticas, aborda o desafío da seguridade nas redes informáticas actuais a través da integración de técnicas de intelixencia artificial, poñendo especial énfase na protección da privacidade dos usuarios e na sustentabilidade computacional. Para iso, o proxecto céntrase no desenvolvemento de solucións baseadas na Aprendizaxe Federada peer-to-peer (P2P), un paradigma que permite adestrar modelos descentralizados sen necesidade de compartir datos sensibles nin depender dun servidor central.

- Adrián López
Finalmente, Adrián López (Santiago de Compostela, 2000) foi o terceiro clasificado polo seu proxecto Sistema de apoio á selección de participantes en ensaios clínicos nun contexto sociolingüístico bilingüe. O traballo presenta o deseño e desenvolvemento dun sistema de apoio á selección de participantes en ensaios clínicos no marco do proxecto iTrial, orientado a mellorar a eficiencia do proceso de identificación de pacientes no Servizo Galego de Saúde (SERGAS). Na práctica clínica actual, a selección de candidatos para ensaios clínicos realízase principalmente de forma manual, un proceso resulta moi custoso en tempo e recursos humanos.
Co obxecto de abordar o dito problema, o traballo propón un sistema baseado en técnicas de Procesamento da Linguaxe Natural (NLP) e minaría de textos, capaz de identificar automaticamente información clínica relevante a partir de documentos médicos escritos en linguaxe natural. Contribúe a acelerar o proceso de análise da información clínica e facilita a identificación de pacientes potencialmente adecuados para participar en ensaios clínicos. O traballo representa unha contribución significativa na intersección entre intelixencia artificial, lingüística computacional e investigación biomédica, ofrecendo unha solución innovadora a un problema real do ámbito sanitario e sentando as bases para futuras aplicacións de tecnoloxías de procesamento da linguaxe natural no sector da saúde.
O galardón entregarase na XVIII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia que se celebrará o 12 de xuño no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago. David Zambrana recollerá a distinción no acto de entrega de premios. O evento é un punto de encontro entre os colexiadas/os do CPEIG e un gran número de empresas e profesionais TIC de Galicia, que conta cunha destacada participación de cargos empresariais, institucionais e políticos e é un referente para o sector.
