A 15ª edición do festival Curtocircuíto porá en valor o cinema galego

martes, 25 de setembro do 2018 Redacción

Esta mañá tivo lugar no Pazo de Raxoi a presentación da 15ª edición de Curtocircuíto baixo a presenza de Martiño Noriega, aldalde de Santiago de Compostela; Goretti Sanmartín, vicepresidenta da Deputación da Coruña; Jacobo Sutil, director da AGADIC e Pela del Álamo, director de Curtocircuíto. O festival cumpre quince anos mantendo o seu espírito explorador sen esquecerse das ben merecidas celebracións. Deste xeito, mantense a procura de novas formas e linguaxes cinematográficas no cinema mundial ao tempo que a programación inclúe seccións que xuntan o espírito vangardista co festivo e salientan o vencello do festival coa cidade de Santiago de Compostela.
O lado máis internacional de Curtocircuíto déixase ver especialmente nos diferentes focos e na sección oficial. As retrospectivas achegarán a Santiago a cineastas co risco como característica común. Así, pasarán pola cidade Ulrich Seidl, o gran retratista da moral occidental; Bertrand Mandico coa súa actriz fetiche Elina Löwensohn, responsables dun dos universos estéticos máis excéntricos do cinema recente; tamén as ficcións e documentais de Roberto Minervini sobre a América profunda; e máis a sensibilidade e a busca constante de Jessica Sarah Rinland, artista multidisciplinar protagonista da sección Púlsar. O carácter híbrido de figuras como a de Rinland déixase ver tamén na Sección Oficial, onde moitos dos filmes presentes buscan os seus novos camiños na intersección con outras artes. En total, os apartados Radar e Explora suman 47 filmes de 22 países diferentes, nos que se recollen algunhas das últimas tendencias no cinema mundial: a etnografía experimental (tamén moi presente na sección Penínsulas), as hibridacións entre documental e ficción, os retratos da xuventude, a experimentación con novas tecnoloxías da imaxe ou as reapropiacións. As proxeccións da sección oficial traerán a Compostela a cineastas do prestixio de Helga Fanderl, Tinne Zenner ou Tova Mozard. Sumadas ás outras seccións competitivas (Penínsulas e Planeta GZ), Curtocircuíto 2018 terá un total de 64 filmes a competición, dos cales 31 son estreas en España.
A atención ás novas tendencias internacionais ten en Curtocircuíto 2018 o seu necesario balance coa posta en valor do cinema galego e a identidade da cidade. Deste xeito, ademais da sección competitiva Planeta GZ, o festival suma tres seccións novas centradas na produción cinematográfica que nos toca máis de preto: Curmaos, Terra e Supernova. Ademais destas seccións, Curtocircuíto presenta tamén nesta edición as Mesas Interxeracionais do Audiovisual Galego, un conxunto de relatorios e debates (organizados en colaboración coa Academia Galega do Audiovisual) nos que, por primeira vez, participarán representantes das catro xeracións en activo do noso audiovisual, nacidos entre os anos 50 e os 90.
Se o cinema galego protagoniza varios dos contidos desta 15ª edición, hai dúas das propostas de Curtocircuíto que teñen unha mirada aínda máis local, cun carácter marcadamente picheleiro. A primeira delas será a Carta branca a Ezequiel Méndez, fundador nos anos sesenta do Cine-Club Universitario que achegou a Compostela a vangarda cinematográfica do momento e funcionou como foco de pensamento crítico antifranquista. Nesta sesión, organizada en colaboración co Cineclube de Compostela actual, proxectaranse dúas obras con visións contrapostas da cidade naquela época coa vontade de poñer en valor a memoria cinéfila de Santiago. A segunda proposta representa o espírito deste 15º aniversario, ao tratarse da colaboración entre un cineasta galego de vangarda e un dos grupos máis populares de Galicia: Curtocircuíto acollerá a estrea de O espírito de Pucho Boedo, filme no que Lois Patiño rexistra á banda compostelá Novedades Carminha gravando a súa versión de A Santiago voy, o clásico de Los Tamara. En ambas as dúas sesións os protagonistas estarán presentes para presentar os filmes e debater co público, que poderá acceder de balde previa retirada de convite.
Novedades Carminha estarán presentes tamén no festival realizando unha serie de accións de rúa para presentar a súa adaptación dese himno compostelán, achegando a celebración á cidade. A mesma vontade ten a Festa do 15º aniversario, que terá lugar na Sala Malatesta o venres 5 de outubro. Nela compaxínanse tamén o carácter lúdico e festivo coa experimentación, ao contar cunha actuación especial de Baiuca. Este proxecto, que integra ritmos e instrumentación da tradición galega na música electrónica, contará na festa coas proxeccións do cineasta Adrián Canoura, que manipulará imaxes cedidas polo arquivo do Centro Galego de Artes da Imaxe. Na propia festa participarán tamén os artistas do selo Discos Príncipe Dj Firmeza e Dj Nigga Fox, que chegan a Curtocircuíto froito da colaboración coa axencia portuguesa Filho Único. Estes artistas comparten con Baiuca a integración da tradición (no seu caso a da África lusófona) na electrónica. O programa musical complétase co synth pop dos tailandeses Sunset Rollercoaster, a electrónica feita con piñas de 16 Pineapples, o darksynth de Nightcrawler, a experimentación ruidista de Narcoleptica e o folclore reformulado de Pr.mvla.
O resto do programa de Curtocircuíto completa a proposta tentando achegar o espírito explorador e interdisciplinar a ámbitos e públicos diversos. Por exemplo, afóndase na relación do cinema e a música coa colaboración de Lois Patiño e Novedades Carminha e coa proxección de HELLO HELLO : LEE RANALDO : ELECTRIC TRIM, filme de Fred Riedel sobre o proceso de traballo do guitarrista de Sonic Youth que continúa a sección Playlist iniciada na pasada edición.
Tamén se repite a aposta de Arredor do Son, o conxunto de actividades que poñen en valor o son como medio de expresión artística e cinematográfica fronte á hexemonía da imaxe. Conferencias, obradoiros, seminarios, performances e instalacións a cargo de figuras como os artistas Martin Messier (que protagonizará a inauguración do festival) e Jacob Kirkegaard, os sonidistas Charly Schmukler e Amanda Villavieja ou o proxecto Playtronica. A participación destes últimos inclúe o obradoiro infantil Veggie Jam, que se integra na atención desta edición de Curtocircuíto ao público familiar, coa estrea da sección famZINE e a creación do departamento pedagóxico do festival, que coordina todo o programa formativo: a sección para colexios Criaturas e a destinada a institutos Teenage Riot, as colaboracións coa Universidade #OutraCompostela e Pasaporte Curtocircuíto, a actividade Canteiras ou o curso de formación para profesorado sobre Narrativa e Linguaxe Cinematográfica, organizado en colaboración coa ECAM - Escola de Cinema e Audiovisual de Madrid.

PUBLICIDADE