A ABE forma ao empresariado de Boiro en mercadotecnia online

martes, 29 de setembro do 2020 S. P.

Este martes 29 de setembro deu comezo na sede da Asociación Boirense de Empresarios (ABE) unha actividade formativa destinada a converter ás e aos representantes do tecido comercial e empresarial en expertas e expertos no uso das novas ferramentas. O curso Marketing Dixital e Redes Sociais, de 15 horas de duración, vai encamiñado a achegar recursos para incrementar a rendibilidade, a competitividade, a eficiencia e a apertura de mercados dos negocios boirenses.
Está a ser impartido por un dos nosos grandes expertos en mercadotecnia online, Javier Rocamora, experto en xestión comercial innovadora e colaborador habitual de Marketing For eCommerce, unha das publicacións dixitais de referencia a nivel nacional en comercio electrónico. Rocamora ten traballando, fornecéndoas de recursos para optimizar os seus negocios, con empresas como Telefónica, Applus, Carrefour, Media Markt, Grupo Vegalsa-Eroski, Pescanova, Elogia Media, BAP Conde ou Roi Scroll, entre outras moitas.
No curso de Boiro participan dúas ducias de empresarias e empresarios de diferentes sectores de actividade. No obradoiro, que se vai artellar en tres sesións de 5 horas, abordaranse diferentes contidos da publicidade e dos negocios nas redes, da Internet e das redes sociais.
Esta acción formativa presencial estase a desenvolver na aula polivalente da ABE que conta con 100 metros cadrados e que ten capacidade para garantir unha distancia entre alumnos de 3 metros o que, en palabras da ABE, “faina cómoda e segura ao cumprir co dobre de distanciamento de seguridade do que pide a normativa actual”.

PUBLICIDADE