A AEPD confirma unha multa de 200.000 euros a Gadisa
venres, 8 de maio do 2026
A Axencia Española de Protección de Datos (AEPD) confirmou unha sanción de 200.000 euros contra Gadisa e apercibiu á Xunta de Galicia por vulneracións da normativa de protección de datos relacionadas co programa Carné Familiar. A resolución chega tras unha denuncia presentada por FACUA-Consumidores en Acción en xaneiro de 2025.
Segundo explicou a organización de consumidores, Gadisa enviou aos domicilios de beneficiarios do programa autonómico cheques regalo con descontos calculados en función das compras realizadas polos usuarios. FACUA sostén que a cadea de distribución obtivo eses datos mediante unha cesión efectuada pola Xunta sen contar co consentimento previo dos afectados.
A AEPD considera acreditado que existiu unha situación de corresponsabilidade no tratamento dos datos persoais entre a administración galega e a empresa distribuidora, propietaria das cadeas Gadis, Claudio e Ifa Cash. O organismo conclúe que ambas partes incumpriron o artigo 26 do Regulamento Xeral de Protección de Datos (RGPD), que obriga a definir «de xeito transparente e de mutuo acordo» as responsabilidades respectivas cando varias entidades participan no tratamento da información persoal.
Na resolución, a Axencia desestima o recurso presentado por Gadisa contra a sanción inicial e rexeita todos os argumentos expostos pola empresa. Entre eles figuraba a defensa de que non existÃa corresponsabilidade no tratamento dos datos e que, en todo caso, se trataba dunha infracción «estritamente formal e documental […] sen ningún impacto directo sobre os dereitos fundamentais dos interesados».
A empresa tamén consideraba «desproporcionada» a multa imposta, unha valoración que a AEPD non comparte. O organismo mantén integramente a sanción económica de 200.000 euros.
A Xunta de Galicia xa fora obxecto previamente doutro procedemento sancionador pola mesma actuación vinculada ao Carné Familiar. Nese caso, a AEPD tamén concluÃra que se producira unha vulneración do RGPD, aÃnda que o expediente rematara sen sanción económica para a administración autonómica.
