A AFA Colexio Lamas de Abade organiza en Santiago unha formación gratuíta para familias sobre uso responsable das pantallas

venres, 20 de febreiro do 2026 S. P.

A AFA Colexio Lamas de Abade (Santiago) promove unha formación gratuíta dirixida a pais, nais e titores/as co obxectivo de abordar un dos grandes retos educativos actuais: o uso das pantallas e da tecnoloxía na vida familiar. A iniciativa, titulada Acompañamento a menores no uso das pantallas na vida familiar, desenvolverase ao longo do mes de marzo nas instalacións do centro educativo, en horario de tarde.
A AFA lembra nun comunicado explicativo sobre os obxectivos do curso que “nun contexto no que móbiles, tabletas, videoxogos e redes sociais forman parte da vida cotiá de nenos, nenas e persoas adultas, a actividade pretende ofrecer ferramentas prácticas e criterios educativos para favorecer un uso consciente, saudable e equilibrado da tecnoloxía no fogar”.
A proposta busca tamén crear un espazo de reflexión compartida no que as familias poidan intercambiar experiencias e resolver dúbidas sobre límites, normas e hábitos dixitais.
Durante as sesións analizarase o impacto das pantallas no desenvolvemento infantil e adolescente, así como estratexias para establecer tempos de uso axeitados, fomentar o aproveitamento educativo da tecnoloxía e previr riscos no ámbito dixital. A formación enmárcase en programas de transformación dixital e será completamente gratuíta.
Desde a AFA subliñan a importancia do acompañamento adulto e do exemplo familiar nunha etapa na que a educación dixital resulta clave. Para que a actividade poida levarse a cabo é necesario contar cun mínimo de dez persoas inscritas.
As persoas interesadas poden solicitar máis información e formalizar a súa inscrición a través do teléfono 662 38 22 94 ou do correo electrónico anpaceiplda@gmail.com.