A Aula CeMIT de Ames achega novos cursos para os meses de abril, maio e xuño

venres, 27 de marzo do 2026 S. P.

A Aula CeMIT de Ames organiza para o vindeiro trimestre tres novos cursos para o público adulto e outros catro para menores de idade. As formacións impartiranse entre os meses de abril, maio e xuño e estarán enfocadas no uso dos teléfonos móbiles, navegar en Internet e a utilización de ferramentas de ofimática.
O primeiro destes cursos será Sácalle partido ao teu teléfono móbil, que malia que xa ten as prazas cubertas, aquelas persoas que o desexen poderán anotarse na lista de agarda. Esta formación arrancará o vindeiro 7 de abril e durará ata o 16 de xuño, os martes e xoves en horario de 10.00 a 12.00 horas. O obxectivo do curso é aprender a controlar o teléfono móbil comezando dende o máis básico e dende aí ir avanzando no uso do sistema operativo Android e as súas aplicacións.
Xa no mes de maio, dará comezo Presentacións con LibreOffice, un curso que serve como introdución e chega a un nivel medio en creación de presentacións con Impress. Tocaranse aspectos como o formato, a interface do programa e todos os elementos que este ofrece. Impartirase os luns e os mércores, de 17.15 a 18.45 horas, dende o 4 ata o 20 de maio.
Por último, ofértase Atopa na Rede: busca avanzada en Internet. A partir do 25 de maio e ata o 17 de xuño, os luns e mércores en horario de 17.15 a 18.45, as persoas participantes adquirirán as ferramentas necesarias para desenvolver un criterio propio á hora de navegar pola rede e así poder diferenciar entre información veraz e fraudulenta, así como doutros coñecementos de navegación online.
Todos estes cursos teñen unha oferta de 14 prazas e impartiranse de maneira totalmente presencial. Os alumnos e alumnas poderán facer uso da aula aberta tanto antes coma despois das clases para realizar prácticas adicionais ou consultar calquera dúbida que poida xurdir sobre temas relacionados cos materiais vistos nas aulas correspondentes.
Formacións para menores
Ademais dos cursos para adultos, a Aula CeMIT oferta catro formacións dirixidas aos rapaces e rapazas. A primeira destas actividades será na Semana Santa, os días 30 e 31 de marzo e 1 de abril, en horario de 10.00 a 12.00 horas e estará dirixida á aprendizaxe da ferramenta de programación Scratch. O curso ofértase a rapaces e rapazas de entre 8 e 12 anos.
No mes de abril comezarán o resto de cursos, que durarán ata xuño. Así, do 7 de abril ao 9 de xuño impartirase Traballos de clase con LibreOffice Writer e Impress para rapaces e rapazas de entre 9 e 14 anos, os martes de 17.15 a 18.45. Nesta formación aprenderán a manexar o procesador de textos orientado á realización das tarefas escolares nos seus ordenadores persoais.
Ligada a este curso está a formación de mecanografía, que se impartirá os xoves, de 17.00 a 18.00 horas, para menores de 10 anos, e de 18.00 a 19.00 horas para maiores de 10 anos. Dende a Aula CeMIT explican que “este curso é clave para aprender e practicar mecanografía mediante unha plataforma online que permita continuar practicando en calquera momento dende a casa”. A actividade comezará o vindeiro 9 de abril e rematará o 11 de xuño para todas ambos grupos.