A CEG avoga por un ecosistema consolidado de colaboración en ciberseguridade
xoves, 27 de novembro do 2025
A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), en colaboración co Consello Económico e Social de España (CES), organizou este xoves 27 de novembro a xornada Ciberseguridade: Protección dos Cidadáns e Crecemento Económico.
O presidente da CEG, Juan Manuel Vieites, fixo fincapé en que “a dixitalización da administración, da industria, do comercio, dos servizos, e, en definitiva, das relacións entre os cidadáns abre enormes posibilidades de eficiencia, competitividade e mesmo de calidade de vida”. Porén, dixo, “tamén cambia o tipo de perigo: agora as persoas, os seus datos e servizos importantes como a sanidade, a enerxía, o transporte ou as comunicacións poden verse afectados por ameazas cuxo impacto transcende o técnico e maniféstase nestes ámbitos”.
Para facer fronte aos retos, o presidente da CEG advertiu que “non abonda con que cada empresa protexa os seus sistemas, nin que cada administración actúe illadamente. É necesario un ecosistema de colaboración: sector público, sector privado, academia, sociedade civil, compartindo información de ameazas, establecendo marcos comúns de actuación, formando talento, fomentando estratexias conxuntas. E tamén, un compoñente de soberanía dixital: asegurar que contamos con infraestruturas, capacidades e competencias propias, non dependentes de terceiros que poden representar vulnerabilidades”.
Pola súa banda, o presidente do Consello Económico e Social de España (CES), Antón Costas, incidiu en que “non sabemos aínda se a intelixencia artificial provocará unha transformación profunda da economía e o emprego, pero si que o seu uso fraudulento e delituoso é unha ameaza certa para a vida das empresas, as organizacións e as familias. A ciberseguridade e a protección da información non son unha opción, senón unha necesidade”.
O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, destacou o compromiso firme do Goberno de España coa protección dixital das empresas galegas. Deste xeito, subliñou que España conta hoxe con “máis recursos, máis medios e máis capacidades que nunca” para facer fronte a un fenómeno en constante crecemento, lembrando que un de cada catro delitos en Galicia xa é un ciberdelito. Blanco puxo en valor o traballo das unidades especializadas da Policía Nacional e da Garda Civil, así como a posta en marcha do teléfono 017 e a creación do novo Centro Nacional de Ciberseguridade, anunciada polo presidente do Goberno, como exemplos dunha resposta “sólida, moderna e orientada a dar seguridade e confianza ao tecido empresarial”. Durante a súa intervención, Blanco agradeceu a colaboración da Confederación de Empresarios de Galicia e do Consello Económico e Social de España e felicitou aos responsables do traballo gañador do XXII Premio de Investigación CES España ao considerar que contribúe “a poñer rigor e coñecemento” nun ámbito crucial para a competitividade. “En ciberseguridade —concluíu— ou gañamos todos, ou perdemos todos. E en Galicia imos estar á altura, traballando xuntos”.
No marco da xornada, entregouse aos asistentes o traballo de investigación que foi obxecto do XXII Premio de Investigación CES España Gardiáns dixitais para un crecemento sostible: ciberseguridade e protección cidadá na era da transformación dixital.
O director do equipo merecedor do Premio, Alberto Vaqueiro, explicou que “a investigación posibilita identificar o valor da ciberseguridade como mecanismo de prevención de custos e perdas, o que permite mellorar a eficiencia económica; e ademais analiza as medidas de ciberseguridade en relación cos dereitos das persoas consumidoras e usuarias, para identificar que elementos han de ser mellorados”.
Engadiu que a investigación “considera o papel da ciberseguridade como vector xerador directo de actividade económica e emprego e como impulsor indirecto doutras actividades económicas; e tamén permite identificar as distintas implicacións da ciberseguridade sobre unha perspectiva multidimensional poñendo o foco na contorna, organizacións e persoas”. O traballo desenvolvido considera, ademais, “as necesidades das empresas, pero tamén dos consumidores, usuarios e persoas traballadoras, cunha visión complementaria, pero moi necesaria, aos estudos máis clásicos centrados unicamente nas empresas”.
Os resultados obtidos contribúen á mellora das actuacións no campo da ciberseguridade para empresas, organizacións e persoas, especialmente na formación e concienciación da cidadanía, sinalou, salientando que “o aumento das actividades delituosas dixitais a todos os niveis, xunto co complexo espazo normativo –non sempre adecuado á realidade á que se enfronta- esixe unha resposta coordinada e estruturada no campo da ciberseguridade”. E apuntou: “Só cunha contorna dixital segura e inclusiva, capaz de combinar innovación tecnolóxica, cooperación público-privada e formación continua, conseguirase que a ciberseguridade sexa un piar esencial para o desenvolvemento económico sostible e a protección dos dereitos da cidadanía nunha contorna cada vez máis dixital”.
A xornada contou coa participación de: o Consello Económico e Social de España (CES España), o Consello Económico e Social de Galicia (CES Galicia), a Delegación do Goberno en Galicia, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), a Cátedra Economía da Ciberseguridade – CECOCIB USCINCIBE, o Premio de Investigación CES España, INEO – Asociación Multisectorial de Novas Tecnoloxías de Información e Comunicación, CSIRT.gal e CIBER.gal, así como Pintos & Salgado Avogados, Plexus Tech, Masorange en Galicia e Hijos de Rivera.
AMTEGA aposta firme pola colaboración e a especialización
O director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Julián Cerviño Iglesia, destacou na xornada a importancia da colaboración institucional e empresarial e de avanzar na especialización tecnolóxica para facer fronte aos retos da ciberdelincuencia. Salientou que a Xunta entendeu “dende moi cedo” que a clave da defensa fronte ás ameazas dixitais estaba na cooperación. Nesa liña, lembrou a colaboración que mantén a Administración autonómica desde hai máis dun lustro co INCIBE e co Centro Criptolóxico Nacional (CCN), así como a creación en 2018 do Centro de Resposta a Incidentes de Ciberseguridade de Galicia (CSIRT.gal) que só en 2024, bloqueou máis de 237 millóns de intentos de ataque.
Recordou ademais que “a Xunta foi tamén pioneira na creación da primeira estrutura autonómica de colaboración público-privada en materia de ciberseguridade: o nodo CIBER.gal, constituído en 2020 e do que xa forman parte máis de 50 empresas, así como concellos, deputacións, a FEGAMP, o CCN, o INCIBE, universidades e centros de investigación”.
O director destacou a importancia de avanzar na especialización, dispoñendo de recursos e capacidades adaptadas ás necesidades da sociedade e do tecido económico galego. Lembrou que a Xunta impulsa infraestruturas clave como o Centro de Excelencia en Ciberseguridade que se está a construír en Ourense, e proxectos singulares como o centro de innovación e competencia en ciberseguridade, promovido conxuntamente con Cataluña e a Comunidade Valenciana. Este último é un dos proxectos seleccionados nas Redes Territoriais de Especialización Tecnolóxica (RETECH), cun orzamento de 58 millóns de euros, dos que case 19 millóns corresponden a Galicia.
Cerviño destacou que “esta especialización só é posible grazas á existencia dun ecosistema tecnolóxico forte e competitivo”. Galicia, lembrou, “conta actualmente con máis de 3.000 empresas tecnolóxicas, que dan emprego a máis de 23.000 profesionais, consolidándose como a quinta comunidade española con máis empresas TIC, só por detrás de Madrid, Cataluña, País Valenciano e Andalucía”.
Actualmente, preto de 750 empresas TIC galegas ofrecen produtos ou servizos de ciberseguridade, consolidando un sector preparado para acompañar tanto ao tecido empresarial como ás administracións nos seus procesos de dixitalización e protección fronte ás ameazas.
