A CNMC chama a reforzar a resiliencia das telecomunicacións tras a apagada do ano pasado

venres, 20 de marzo do 2026 Redacción

O informe elaborado pola Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) a raíz do incidente eléctrico do 28 de abril de 2025 pon o foco nas debilidades estruturais do ecosistema dixital en España, especialmente nos ámbitos das telecomunicacións e do sector audiovisual, cuxa operatividade quedou comprometida durante a crise.
O documento sinala que a apagada puxo de manifesto vulnerabilidades críticas nas redes e servizos de comunicacións electrónicas e nas infraestruturas dixitais, que xa foran sometidas a tensión en episodios recentes como a erupción volcánica da Palma en 2021, a dina de 2024 ou as caídas dos centros de emerxencias en 2025. Estes antecedentes confirman a exposición crecente de ambos sectores a riscos de diversa natureza.
Un dos elementos centrais do informe é a interdependencia entre o sistema eléctrico e as telecomunicacións, unha relación que tamén afecta de maneira directa ao ámbito audiovisual. A falta de subministración eléctrica impactou na continuidade das redes de comunicación, ao tempo que as dificultades nas comunicacións complicaron a xestión da propia crise eléctrica. Esta dependencia cruzada traduciuse en interrupcións na prestación de servizos dixitais e na difusión de contidos.
Durante o incidente, rexistráronse fallos nos sistemas de comunicación que afectaron aos centros de control e coordinación, así como a servizos asociados como os sistemas de pago electrónico. No ámbito audiovisual, estas disrupcións poden trasladarse á emisión e distribución de contidos, especialmente en escenarios onde a continuidade do sinal depende directamente da infraestrutura de telecomunicacións e da subministración enerxética.
O informe tamén aborda de maneira específica o papel da radio dixital, incluíndo o estándar DAB+, como unha tecnoloxía con maior capacidade de resiliencia en situacións de emerxencia. A súa menor dependencia de redes de datos e a súa capacidade de difusión masiva sitúana como unha alternativa relevante para garantir o acceso á información cando fallan outras infraestruturas.
Xunto a isto, a CNMC introduce outra liña de actuación relevante: a posibilidade de habilitar mecanismos de itinerancia nacional entre operadores en situacións de catástrofe. Esta medida permitiría que os usuarios poidan conectarse a redes doutros operadores cando a súa non estea dispoñible, mellorando a continuidade do servizo en escenarios de emerxencia e reforzando a capacidade de resposta do sistema no seu conxunto.
A CNMC considera que as limitacións detectadas evidencian unha insuficiente capacidade de autonomía das redes e das infraestruturas dixitais, o que afecta tanto ás telecomunicacións como aos servizos audiovisuais, cada vez máis dependentes de plataformas en liña.
Entre as recomendacións, o regulador propón reforzar as capacidades de continuidade operativa, incluíndo medidas que permitan manter a cobertura durante máis tempo en situacións de fallo eléctrico. Isto implica, no caso dos operadores de telecomunicacións, avanzar en sistemas de respaldo enerxético máis robustos, mellorar a autonomía das estacións base e establecer protocolos de colaboración entre compañías, como a itinerancia de emerxencia, para garantir a dispoñibilidade dos servizos críticos.
A CNMC avalía positivamente o proxecto de Real Decreto sobre seguridade e resiliencia das redes e servizos de comunicacións electrónicas, que introduce un enfoque integral e obriga á elaboración de plans específicos fronte a riscos de orixe cibernética, física ou ambiental, incluíndo cortes eléctricos ou fenómenos meteorolóxicos extremos. Este marco abrangue tamén as infraestruturas dixitais que sustentan a actividade audiovisual.