A Cámara de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía e Gradiant entregaron os premios StartTIC

venres, 20 de marzo do 2026 S. P.

Esta semana, a Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa organizou nas súas sedes dous encontros enmarcados no programa StartTIC, a incubadora de alta tecnoloxía liderada polo Consorcio Zona Franca de Vigo que conta coa colaboración do centro vigués Gradiant como socio tecnolóxico.
O pasado luns 16 de marzo, celebrouse a xornada StartTIC: Retos Sociais na sede cameral de Pontevedra. Este evento centrouse na identificación de desafíos sociais que poidan resolverse mediante tecnoloxía e contou coa participación de diversas entidades do sector e a presentación dos proxectos finalistas desta categoría. Contouse coa participación de Fernando Jiménez, xerente de Gradiant.
A firma gañadora do desafío foi a empresa Craftium, da emprendedora vilagarciá Patricia Martínez, cunha plataforma que analiza patróns de conduta e detecta síntomas de deterioración cognitiva. Nos accésits, houbo empate técnico entre Galicloud, de Pontevedra, unha plataforma de coidados, e Vaira de Insati (Vigo), cun proxecto de realidade virtual enfocado a retardar as doenzas neuroxenerativas.
O mércores 18 de marzo, desenvolveuse a xornada de entra de premios StartTIC - Innovación na oficina da Cámara en Vilagarcía de Arousa. Nesta sesión, o foco estivo en solucións tecnolóxicas para necesidades reais da contorna empresarial e produtiva, culminando co anuncio do proxecto gañador e un espazo de networking entre os asistentes.
O gañador, que recibiu o premio de mans do alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, foi Alfonso Méndez, director executivo (CEO) da empresa pontevedresa SRG Informática, co seu proxecto de Arqueólogo Dixital Express, que ten como obxectivo solucionar “un mal de todas as compañías e organizacións, a anarquía documental”. Para iso, deseñou un modelo que diagnostica “a saúde” nos arquivos das empresas, e que conxuga computación na nube e intelixencia artificial para resgardar a documentación antiga, ordenala e optimizar a nova.
StartTIC é un proxecto estratéxico que busca posicionar a Vigo como un hub TIC de referencia para o Noroeste peninsular. Liderado polo Consorcio Zona Franca de Vigo, conta coa alianza da Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa e a experiencia en I+D de Gradiant.
A iniciativa inclúe unha incubadora de alta tecnoloxía cun orzamento de 3,5 millóns de euros, financiada maioritariamente por fondos europeos a través da Fundación INCYDE. Os seus obxectivos principais son fomentar o emprendemento, facilitar a transferencia de tecnoloxía a pemes e fortalecer sectores estratéxicos como a intelixencia artificial, a ciberseguridade e o sector aeroespacial, impulsando así a creación de novas spin-offs tecnolóxicas na nosa comunidade.