A Cámara de Santiago mostra nun novo seminario como garantir unha IA segura
xoves, 15 de xaneiro do 2026
A Cámara de Comercio de Santiago organiza este mes de xaneiro unha xornada gratuíta e online para fomentar un uso seguro e rendible das ferramentas de intelixencia artificial.
Concretamente, o obxectivo do seminario IA segura, negocio confiable: guía práctica é proporcionar información ás pemes para que “dentro dunha realidade profesional que xa incorpora a IA, poidan pasar dun enfoque de medo ou descoñecemento a un de apoderamento e control”.
A xornada está dirixida a pequenas e medianas empresas, persoas autónomas e emprendedoras que queiran utilizar a IA sen riscos.
Por contidos abordaranse cuestións específicas como o estado de cousas da IA no noso negocio, que esixe a normativa e cara a onde vai, os pasos para adaptarnos á IA a partir de xa e as cousas que podemos aplicar para construír confianza (como demostrar que usamos IA de forma segura).
A relatora será Ana Luque, responsable de Desenvolvemento de Negocio en Cámara Certifica. Ana conta cunha experiencia de 18 anos no sector da auditoría de certificación, dos cales os últimos 7 tiveron unha importante vinculación ás áreas de innovación e de ciberseguridade en Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC).
