A Cátedra Telefónica da UVigo comezou curso cun completo achegamento ás vantaxes da Industria 4.0
xoves, 29 de setembro do 2016
A xeito de arranque das
actividades do novo curso, a
Cátedra Telefónica da Universidade celebrou este mércores unha
Xornada sobre Industria 4.0. A cita foi na Escola de Enxeñería
Industrial e nela participaron especialistas de diversos ámbitos
neste novo concepto de producir: máis sustentable, máis eficiente
e eficaz, máis rendible, menos custoso, mellor xestionado e, en
definitiva, máis intelixente. Participaron expertos de Telefónica,
do grupo PSA e de Navantia e a eles uníronse o reitor da
Universidade de Vigo, Salustiano Mato, e a directora de Telefónica
en Galicia, Marta Menéndez. Mato e Menéndez coincidiron no
frutífero desta colaboración UVigo-Telefónica e fixeron un balance
“extraordinariamente positivo” dos tres anos de andaina da
devandita colaboración.
Segundo fixeron saber,
da Cátedra abrollou ao longo de tres anos un número moi relevante
de seminarios, xornadas e conferencias, “que espertaron un elevado
interese, sobre todo entre o alumnado”. Destas actividades puxeron
como exemplo o congreso Smart Cities, o Foro Tecnolóxico de Emprego
ou o encontro Hack for Good, “que tivo un gran impacto tanto dentro
como fóra da Universidade”, sinalou Menéndez. Na mesma liña
pronunciouse o reitor, que fixo fincapé na “clara vocación da
Universidade por colaborar coas empresas e co mundo real”, un eido
no que as cátedras se amosan ao seu modo de ver como “un
instrumento ideal” de colaboración.
O primeiro dos
relatorios correu a cargo do responsable de Novos Negocios IoT
(Internet of Things) de Telefónica Dixital, Alejandro Cadenas, que
achegou a visión da súa compañía sobre as claves para o futuro da
industria 4.0 en España. A continuación, o responsable de
proxectos de innovación en Procesos do Grupo PSA, Juan José Areal,
abordou os cambios que está a sufrir o sector do motor coa
incorporación das novas tecnoloxías e a súa adaptación á nova
realidade. Logo, o xefe do Departamento de Sistemas para a Enxeñaría
de Navantia, Miguel Vilar Montesinos, debullou as vantaxes da
aplicación de tecnoloxías de realidade virtual e aumentada ao
sector naval (eficiencia, redución de erros de deseño e fabricación
e diminución de custes), partindo do exemplo do propio estaleiro,
que na actualidade conta con dous centros de deseño virtual. A
maiores, Cadenas, Areal e Vilar debateron tamén sobre a relevancia
da industria 4.0 para o desenvolvemento industrial galego nunha mesa
redonda moderada polo catedrático vigués José Carlos Prado.
De xeito
complementario, o catedrático da Universidade de Vigo José Cidrás,
director da Cátedra, aproveitou esta xuntanza para informar sobre as
actividades que se levarán a cabo ao longo deste ano académico:
máis cursos e obradoiros de formación, unha nova edición de Hack
for Good e unha vertente de actividade máis marcada cara aos MOOCS,
“un eido no que a Universidade xa está a traballar, pero no que
tamén é importante contar co asesoramento de Telefónica, sobre
todo no referido á formación do profesorado que está interesado en
pór en marcha cursos deste tipo”.
