A Comisión Europea esixe a Elon Musk que elimine o contido ilegal en X

martes, 10 de outubro do 2023 Marcus Fernández

Cando no mes de maio Twitter abandonou o Código de boas práctica sen materia de desinformación da Unión Europea, Thierry Breton advertiu a Elon Musk que tal movemento non evitaba o cumprimento da Lei de Servizos Dixitais, postura que tiveron que reafirmar hai poucas semanas tras a publicación de informes que apuntaban que X/Twitter era a principal plataforma social en liña para a divulgación de desinformación e propaganda, especialmente por mor de medidas impostas polo propio Musk.
Nos últimos días a situación agravouse considerablemente, xa que con conflito armado entre Israel e Palestina vemos unha proliferación de falsidades en X/Twitter realmente alarmante, e o peor de todo é que é o propio Elon Musk o que recomenda seguir a contas de usuarios que divulgan falsidades e republica contidos que incumpren as normas da plataforma.
Tamén mudaron de criterio sobre os contidos que incumpren as normas da plataforma, de xeito que flexibilizan o que se considera de interese público, facilitando que moitos contidos que deberían eliminarse por ser falsos e/ou por incitar ao odio continúen en liña. Resulta especialmente rechamante ver como a compañía asegura que están a tomar medidas activas contra a violencia gráfica, a violencia verbal e as condutas de odio, actuando tamén contra o antisemitismo, cando na práctica percíbese xusto o contrario, e contrasta moito o clima imperante en X co de plataformas como a propia Facebook, que incluso está a empregarse como fonte para desbotar as canfurnadas publicadas na plataforma de Musk.
A tal nivel está a chegar a situación que a Thierry Breton non lle quedou outra que publicar unha carta aberta urxente a Elon Musk lembrando as súas obrigas con respecto da Lei de Servizos Dixitais. Breton salienta que X está a empregarse para diseminar contido ilegal e desinformación no territorio europeo, incumprindo as obrigas que X ten en materia de moderación de contidos.
Breton destaca que o cambio da política de interese público ameaza a seguridade dos usuarios europeos; comenta que o contido ilegal notificado debe borrarse de xeito dilixente (e teñen evidencias de que non está a ser así); e tamén pide que o equipo de crise de X notifique as medidas que está a adoptar.
O comisario europeo dá 24 horas a Musk para ter unha resposta precisa e completa á carta publicada, lembrándolle que o que está a acontecer estes días formará parte do seu expediente sobre o cumprimento da nova lexislación europea, que podería provocar a apertura dunha investigación formal que se traduciría en importantes sancións.
A primeira resposta de Musk non se fixo esperar, e foi totalmente demagóxica, afirmando que a política de X «é que todo é código aberto e transparente» (afirmación rotundamente falsa) e pedindo unha listaxe das infraccións que comete X para que as vexa o público, xogo no que Breton rexeitou entrar, e educadamente destaca que Musk é plenamente consciente das denuncias de contidos ilegais por parte de usuarios e autoridades, e pon o seu equipo á disposición de Musk para garantir o cumprimento da lexislación europea.