A Comisión Europea ve positivos os avances de Apple en interoperabilidade

martes, 23 de decembro do 2025

A Comisión Europea acolleu de maneira positiva o lanzamento recente da versión beta do sistema operativo iOS 26.3 de Apple, ao considerar que permite aos desenvolvedores comezar a probar novas opcións de interoperabilidade. Segundo indicou o executivo comunitario, estas capacidades están ligadas a dúas funcións incorporadas tras unha investigación aberta pola UE sobre as condicións impostas pola compañía para dispositivos conectados, como os reloxos intelixentes, no marco da Lei de Mercados Dixitais (DMA), iniciada en marzo deste ano.
Desde Comisión Europea sinalan que, grazas a esta actualización, os desenvolvedores poden avaliar como funcionan estas novas ferramentas e preparar produtos compatibles co ecosistema de Apple en condicións máis abertas. A investigación puxera o foco nas restricións técnicas e comerciais aplicadas a accesorios e dispositivos de terceiros que se integran co iPhone.
Un voceiro comunitario destacou que «a DMA crea novas oportunidades para que os desenvolvedores poidan lanzar ao mercado produtos e servizos innovadores en Europa», subliñando o potencial da normativa para estimular a competencia e a innovación. Na mesma liña, engadiu que «este é outro paso cara a un ecosistema dixital máis interconectado, en beneficio de todos os cidadáns da UE».
A Comisión considera que a chegada desta versión beta de iOS supón un avance na adaptación de Apple ás esixencias da Lei de Mercados Dixitais, unha norma clave da estratexia europea para limitar prácticas anticompetitivas das grandes plataformas dixitais e garantir condicións máis equitativas no mercado interior.
As funcións que chegarán nos vindeiros meses a iOS son as notificacións a accesorios de terceiros (ou sexa, que os reloxos conectados poderán amosar e reaccionar a notificacións entrantes do mesmo xeito que fai un Apple Watch) e o emparellamento de proximidade (que reduce o número de pasos para emparellar cos produtos de Apple accesorios doutros fabricantes).