A Coruña, Ourense e Vigo, entre as primeiras cidades de España coa 5G avanzado de MasOrange

luns, 23 de febreiro do 2026 S. P.

As cidades da Coruña, Ourense e Vigo (Pontevedra) convertéronse en pioneiras da 5G avanzada de MasOrange en Galicia ao formar parte da listaxe de 40 cidades españolas onde despregou esta tecnoloxía de última xeración o grupo do que forma parte a operadora galega R.
A empresa sinala que “as tres cidades galegas sitúanse, así, entre os territorios que avanzan na adopción de infraestruturas de telecomunicacións de última xeración para impulsar novos servizos dixitais e aplicacións con maiores necesidades de datos, con posible repercusión en eidos como a actividade empresarial, a innovación tecnolóxica e o desenvolvemento de solucións vinculadas ás cidades intelixentes”.
Deste xeito, refórzase o posicionamento da Coruña, Ourense e Vigo dentro do proceso de transformación dixital en España.
O grupo lembra que “a tecnoloxía 5G Advanced de MasOrange supón unha revolución na experiencia dixital, ao ofrecer velocidades de transmisión superiores a 5 Gbps, latencias inferiores a 1 milisegundo e capacidade para conectar un número moito maior de dispositivos, mesmo en contextos urbanos densos”.
Esta conectividade avanzada traducirase en grandes vantaxes para empresas e particulares: unha rede 5G máis rápida, comunicacións instantáneas (grazas á funcionalidade L4S que garante latencia ultrabaixa e transmisión sen perdas mesmo en conxestión), o despegue definitivo e real da Internet das Cousas (con conectividade eficiente para dispositivos de gama media) e unha maior precisión desta tecnoloxía de última xeración na localización do usuario/a, en palabras de R “unha boa oportunidade para funcións como o coidado de persoas maiores ou, no caso das empresas, para gozar de avances no transporte, a loxística ou a robótica”.
Ademais destes sectores, a despregadura do 5G Advanced permite pór en práctica casos de uso innovadores noutros tan diversos como a saúde (monitoraxe remota de pacientes), industria 4.0 (sensores, control remoto e mantemento preditivo), utilities (contadores intelixentes para subministracións), seguridade (drons e vixilancia intelixente con cámaras conectadas) ou xestión do tráfico (detección automática de obstáculos e avisos en tempo real).
Despregadura pioneira en 40 cidades e 10 comunidades
O grupo MasOrange despregou xa a tecnoloxía 5G Advanced en 40 cidades españolas de 10 comunidades autónomas. Así, ademais de na Coruña, Ourense e Vigo, en Galicia, a tecnoloxía 5G Advanced de Orange está ao dispor da cidadanía noutras 37 localidades das comunidades de Madrid, Cataluña, Andalucía, Valencia, Asturias, Castela e León, Murcia, Cantabria e Illas Baleares.