A Delegación do Goberno e o CESTIC perfilan detalles do Cumio REAIM que se celebra esta semana na Coruña
martes, 3 de febreiro do 2026
O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, mantivo este martes 3 de febreiro unha reunión de traballo co director xeral do Centro de Sistemas e Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (CESTIC) e director de Tecnoloxías da Información do Ministerio de Defensa, o tenente xeneral do Exército de Terra José María Millán Martínez.
O delegado recibiuno no seu despacho xunto ao delegado de Defensa en Galicia, Jesús Ángel Paz, antes do comezo da III Cumio REAIM de IA e ámbito militar que terá lugar na Coruña esta semana.
Tratáronse asuntos vencellados á realización do evento, así como os avances do Ministerio de Defensa no eido das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC).
Millán Martínez é, desde a súa posición, o responsable dos Sistemas de Información e Comunicacións do Ministerio de Defensa, encargándose da planificación, organización, coordinación, control e xestión estratéxica dos CIS/TIC do Departamento.
O III Cumio REAIM (Responsible Artificial Intelligence in the Military Domain) converterá A Coruña en sede do principal foro internacional sobre o uso da intelixencia artificial no ámbito militar.
O evento celebrarase a partir de mañá, os días 4 e 5 de febreiro de 2026 e reunirá na cidade a delegacións institucionais de máis de 40 países, organismos multilaterais, representantes do sector tecnolóxico e institucións académicas.
A celebración do cumio será impulsada polo Concello da Coruña, mais o financiamento será asumido na súa totalidade polo Ministerio de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación, en virtude dun convenio de colaboración asinado entre ambas administracións cunha achega estatal de 2 millóns de euros. O orzamento base de licitación ascende a 1.413.805 euros.
O evento desenvolverase no centro de congresos PALEXCO.
A celebración deste foro internacional suporá “un impulso á proxección exterior da cidade e xerará un impacto económico directo nos sectores hostaleiro, hoteleiro e comercial”, explicou os días pasados o Concello da Coruña, engadindo que estamos “ante unha oportunidade estratéxica para a cidade, que reforza o seu posicionamento como referente en gobernanza tecnolóxica, nun marco de colaboración institucional e sen repercusión económica para os recursos municipais”.
