A Deputación da Coruña achegará unha contía total de 72.000 euros nos seus Premios PEL

xoves, 6 de xuño do 2024 S. P.

A Deputación da Coruña convoca a sexta edición dos Premio PEL: premios ás iniciativas empresariais transformadoras da provincia (PEL-EPR PREMIO), un galardón incluído entre as accións de incentivos á calidade e á innovación da idea empresarial do Plan de Emprego Local (PEL) co que se pretende “recoñecer ás iniciativas empresariais transformadoras da provincia da Coruña, fomentando a súa imaxe positiva e realzando o seu papel fundamental como xeradoras de riqueza, emprego e benestar, contribuíndo á súa sustentabilidade, fomentando a cultura emprendedora e potenciando o rural”.
Concederanse un total de catro galardóns por un importe total de 72.000 euros outorgándose 18.000 euros a cada categoría. As catro categorías dirixidas a pemes, microempresas e profesionais autónomos/as son as seguintes:
1ª Categoría: premio á mellor iniciativa transformadora nova. Destinada a recoñecer o labor das pequenas e medianas empresas, microempresas e autónomos/as que iniciasen a súa actividade empresarial nas anualidades 2023 ou 2024.
2ª Categoría: premio á mellor iniciativa transformadora consolidada. Destinada a recoñecer o labor das pequenas e medianas empresas, microempresas e autónomos/as que iniciasen a súa actividade empresarial durante a anualidade 2019 ou con anterioridade.
3ª Categoría: premio á mellor iniciativa verde, destinada a recoñecer o labor das pequenas e medianas empresas, microempresas, autónomos/as, asociacións e clústers empresariais e concellos que conten con proxectos que teñan por obxectivo a transición ecolóxica e enerxética, a loita contra o cambio climático, a agricultura sostible, a protección do medio ambiente, a preservación da biodiversidade, a economía circular e/o o uso eficiente dos recursos.
Categoría proposta do xurado: premio á mellor iniciativa transformadora do rural. Sen postulación previa de candidaturas.
A participación só poderá realizarse mediante a presentación telemática da documentación, a través da plataforma Subtel.
O prazo de presentación de candidaturas permanecerá aberto ata o 18 de xuño ás 14.00 horas.
Pode consultar as bases e a convocatoria publicadas no BOP tanto na plataforma Subtel como na páxina web dos Premio PEL.

PUBLICIDADE