Cruz Vermella, Alexa e Amazon Web Services recibirán o Premio E-Inclusión do CPEIG
venres, 14 de xuño do 2024
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vai conceder o Premio E-Inclusión da XVI Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia de 2024 a Cruz Vermella, Alexa e Amazon Web Services (AWS) en recoñecemento á colaboración mantida entre estas tres entidades para combater o illamento e a soidade non desxeada, dúas situacións que se viron especialmente visibilizadas pola pandemia, que puxo de manifesto novas necesidades entre a sociedade, sobre todo entre perfís en situación de vulnerabilidade e persoas maiores.
Co fin de contextualizar as razóns deste galardón, o CPEIG lembra que durante o confinamento pola COVID-19, Cruz Roja (Cruz Vermella) e a súa Fundación TECSOS xunto con Alexa, o servizo de voz de Amazon, e varias organizacións colaboradoras, crearon unha Skill (funcionalidade) de Alexa co obxecto de brindar información e recursos accesíbeis por voz ás persoas que non tiñan acceso a outros medios dixitais, facilitando a superación da fenda dixital. Esta tecnoloxía, de uso doado coa propia voz, facilitaba a relación entre persoa e dispositivo, contando ademais con pantalla onde visualizar a información. Isto incluía contidos relativos á pandemia, exercicios físicos e consellos de primeiros auxilios, entre outros. Ademais, a ONG realizou un proxecto piloto no que distribuíu 100 dispositivos Echo con Alexa a diferentes perfís de persoas beneficiarias en varias rexións de España, para avaliar como estes asistentes de voz podían axudar a mellorar a vida das persoas que se atopaban nalgún tipo de situación vulnerábel, recompilando datos a través de entrevistas, tanto a persoas usuarias como a voluntarias.
Durante este proxecto piloto, Cruz Vermella colaborou con Amazon Web Services (AWS) para implementar unha solución baseada nun datalake (lago de datos) na nube que lles permitira automatizar a captura e análise de datos anonimizados sobre o uso destes dispositivos Alexa Echo, así como visualizar os resultados de maneira sinxela.
Deste modo, o que antes tomaba semanas de traballo manual recompilando e analizando datos, agora obtíñase en tempo real grazas aos servizos de analítica e procesamento de datos na nube de AWS.
O proxecto piloto tivo moi bos resultados e a iniciativa estase estendendo a todo o territorio español co obxecto de chegar a 28.634 persoas que viven soas, que recibirán, ademais dos dispositivos con Alexa en si, sesións informativas sobre o seu uso e estarán acompañados pola rede de voluntariado de Cruz Roja que os atende habitualmente.
Para poder xestionar este volume de dispositivos, Cruz Vermella apostou por Alexa Smart Properties. Este servizo, que simplifica o uso e xestión de dispositivos con Alexa integrada, está deseñado para integrarse coas ferramentas tecnolóxicas da ONG e ofrecer experiencias de valor engadido e personalizadas en función das necesidades de cada persoa. En base a isto, Cruz Vermella desenvolveu novas funcionalidades a través de novas Skills para Alexa, que impulsarán e utilizarán na súa intervención as oportunidades que ofrecen as tecnoloxías da comunicación para ampliar o alcance dos servizos que presta ás persoas en situación de vulnerabilidade. A combinación de uso da voz e a imaxe, da man da Intelixencia Artificial que dá orixe aos asistentes de voz con pantalla, está abrindo novas oportunidades na súa acción.
Un proxecto innovador como este, que manexa datos sensibles de persoas, está sendo despregado na nube de Amazon Web Services (AWS) debido a que os seus servizos cloud ofrecen o máximo nivel de seguridade, escalabilidade, flexibilidade, cumprimento normativo e innovación constante, garantindo así un entorno confiábel e de vangarda para esta importante iniciativa de Cruz Vermella.
Na Noite da Enxeñaría en Informática
O galardón entregarase na XVI Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia que se celebrará o 21 de xuño no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago. Un representante de Cruz Vermella, un representante de Alexa e o responsable da Vertical de Organizacións Sen Ánimo de Lucro de Amazon Web Services (AWS), Ignacio Gilart, recollerán a distinción no acto de entrega de premios.