A Deputación da Coruña e Orgullo Galego presentan unha nova edición do programa O galego e as redes sociais
xoves, 29 de xaneiro do 2026
A área de Lingua da Deputación da Coruña presentou este xoves 29 de xaneiro a campaña O galego na música e nas redes sociais, unha iniciativa que se desenvolverá en 22 centros educativos da provincia, en colaboración con Orgullo Galego, co obxectivo de “fomentar o uso da lingua galega no ámbito dixital e promover a creación de contidos en galego nas redes sociais entre a mocidade”.
A deputada de Lingua, Sol Agra, e o responsable de Orgullo Galego, Borxa González, deron a coñecer os principais eixos desta nova edición do programa, que, segundo indicaron, prolonga o posto en marcha pola área de Lingua provincial o curso escolar pasado para achegar a lingua galega á mocidade a través das canles e ferramentas propias do ecosistema dixital, “incorporando nesta edición a música como elemento central para visibilizar a infinidade de bandas e propostas musicais exitosas en galego presentes nas plataformas”.
Durante a presentación, Sol Agra puxo en valor a importancia de impulsar iniciativas que conecten o galego coa realidade comunicativa actual e destacou o papel das redes sociais como espazo clave para garantir a presenza da lingua entre as novas xeracións, así como para visibilizar os contidos que xa se están a crear en galego con formatos e linguaxes diversas.
A deputada referiuse á percepción, estendida entre parte da mocidade, de “que crear contido en galego pode restar seguidores, un prexuízo que, segundo indicou, non se corresponde coa realidade”. Segundo dixo, “iso é o que lles vai demostrar Borxa González nas súas charlas”.
Borxa González crea contido nunha canle referente, con milleiros de seguidores, polo que, en palabras de Agra, “preséntase como un exemplo ideal para achegarse á rapazada e mostrarlle un mundo dixital en galego, ofrecéndolle unha contextualización da situación actual, ferramentas para xerar contido no noso idioma, argumentos e referentes, así como o coñecemento de influentes e grupos musicais de éxito que empregan o galego con normalidade en todas as súas creacións”.
Pola súa banda, Borxa González subliñou o potencial das redes sociais como ferramenta para normalizar o uso do galego e achegalo a públicos amplos, incidindo na necesidade de dar a coñecer referentes e proxectos dixitais que empregan a lingua galega con naturalidade e éxito. “Demostramos co exemplo de Orgullo Galego e de tantas outras canles que xerar contido en galego suma”, afirmou.
