A Deputación da Coruña e o Concello da Pobra apoian o emprendemento e a innovación
mércores, 11 de febreiro do 2026
A deputada de Emprego, Industria e Medio Ambiente da Deputación da Coruña, Rosa Ana García, visitou este 11 de febreiro a sede do Coworking A Pobra, un dos 12 espazos que forman parte da Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo impulsada pola institución provincial ao abeiro do Plan de Emprego Local (PEL). Rosa Ana García estivo acompañada do alcalde, José Carlos Vidal, e da concelleira Patricia Lojo.
Lembraron que o Coworking de A Pobra acolle actualmente un total de 30 proxectos emprendedores, a maioría deles en fase de preincubación, e ofrece ás persoas usuarias zonas de traballo compartido, salas de reunión, conexión a internet de alta velocidade, apoio técnico e actividades de formación e dinamización adaptadas ás necesidades de cada proxecto.
A deputada recordou tamén que a Rede Provincial de Coworking está distribuída por distintos municipios da provincia e está orientada a promover o emprendemento e apoiar ideas de negocio e empresas de recente creación, facilitando recursos e acompañamento para transformar proxectos en iniciativas empresariais consolidadas. Rosa Ana García interesouse polo funcionamento do centro e polas necesidades das persoas usuarias, e destacou que estes espazos “non só proporcionan infraestrutura, senón que tamén favorecen a formación, a colaboración e a creación de sinerxías entre emprendedores, contribuíndo á dinamización económica local”.
A deputada sinalou que a Rede Provincial de Coworking é unha ferramenta complementaria ás liñas de axuda do Plan de Emprego Local (PEL), xa que ofrece acompañamento técnico, formación e espazos adecuados para que as persoas emprendedoras poidan desenvolver os seus proxectos con maiores garantías.
Pola súa banda, Amparo Cerecedo puxo en valor o espazo coma un lugar “estratéxico para o emprendemento local, no que as persoas poden compartir coñecementos, experiencias e recursos” e destacou que serve “para compartir maneiras de traballar e poñer en común ideas e proxectos”.
A Rede, creada no marco do PEL, conta actualmente con 12 espazos activos en diferentes puntos da provincia e presta apoio a proxectos en sectores diversos, contribuíndo á creación de emprego e á consolidación de actividade económica tanto en ámbitos urbanos como no rural.
O Coworking da Pobra botou a andar no 2017 e consta de dous espazos: o Emprende, destinado a persoas emprendedoras que fagan uso desta prestación de maneira continuada, e o Nómades, dirixido a quen utilice o centro de xeito puntual. En 2022, formalizouse a integración na Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo da Deputación da Coruña.
Ten o obxectivo de favorecer o espírito emprendedor e innovador, ademais do apoio técnico en todo o proceso de posta en marcha dun negocio. Así, ofrece asesoramento e acompañamento integral dende o inicio da andaina empresarial.
