A Deputación da Coruña impulsou con Mercanavila.gal 93.453 bonos descargados a prol do comercio local
xoves, 4 de decembro do 2025
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, a deputada de Emprego, Industria e Medio Ambiente, Rosa Ana García, e o presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, mantiveron unha reunión para facer balance do programa MercaNaVila, a iniciativa pioneira posta en marcha pola Deputación para impulsar o consumo nos establecementos de proximidade dos concellos de menos de 20.000 habitantes.
Segundo fixeron saber, MercaNaVila puxo á disposición da cidadanía bonos desconto de ata 100 euros por persoa para realizar compras en comercios locais adheridos.
A iniciativa, deseñada para activar o consumo e reforzar o tecido económico das vilas pequenas e medianas da provincia, “acadou cifras históricas”, superando “con creces as previsións iniciais”, segundo apuntou González Formoso, quen concreou que “entre o 20 de outubro e o 3 de decembro descargáronse 93.453 bonos nos dispositivos da cidadanía, rexistráronse preto de 300.0000 operacións de compra e mobilizáronse 16 millóns de euros en vendas nos 1.080 establecementos adheridos de toda a provincia”.
O presidente provincial agradeceu “a implicación total que sentimos por parte dos comerciantes de toda a provincia”, que fixeron a campaña súa e participaron activamente na súa difusión. “Máis que as cifras, valoramos moito as mensaxes que nos mandan os comerciantes por distintas vías e que coinciden en que axudou a moitos comercios a incrementar as súas cifras de vendas nunha época difícil e incluso a evitar o peche de negocios”.
Xa lles digo que MercaNavila vaise manter no tempo, que a aposta é de longo prazo e que non só iso, senón que xa estamos deseñando xunto á Federación Galega de Comercio unha campaña aínda máis ambiciosa para 2026 porque vemos que merece a pena e que ten un impacto moi importante”, afirmou o presidente.
Pola súa banda, o presidente da Federación, José María Seijas, destacou o éxito da iniciativa e lanzou unha mensaxe clara: “Debemos felicitar á Deputación pola súa aposta decidida polo comercio da provincia. MercaNaVila demostra que cando hai compromiso, hai resultados. O comercio é vida: onde hai comercio hai vida. Animamos ás demais deputacións galegas a impulsar programas semellantes”.
A deputada de Emprego, Rosa Ana García, subliñou que o impacto foi moito máis alá do económico: “A aposta foi enorme, pero o retorno ten sido maior. Poñer en marcha MercaNaVila supuxo un desafío, non so en termos económicos, senón pola complexidade do sector. Non procurábamos unicamente incentivar as vendas nos comercios, senón xerar dinamismo económico nos concellos máis pequenos, revertendo incluso a tendencia habitual. Con este programa logramos que persoas das cidades se desprazasen ás vilas a mercar e, de paso, aproveitasen para comer alí ou mesmo pasar a fin de semana nun hotel rural”, subliñou Rosa Ana García.
Na reunión reafirmouse o compromiso de manter e reforzar a colaboración coa Federación Galega de Comercio, avanzando novas accións conxuntas para fortalecer o sector. Entre elas, a realización dun censo comercial completo que permita coñecer a situación real do tecido económico e definir medidas máis eficaces.
Os datos finais de balance de MercaNaVila revelan unha forte mobilización do comercio local en toda a provincia, con Noia á cabeza das vendas ao concentrar case o 10% do total (1,72 millóns de euros e máis de 29.000 operacións), seguida de Boiro, que supera os 1,42 millóns de euros, e Ordes, que rolda os 1,15 millóns. Tamén destacan Cee, con 1,12 millóns, e As Pontes e Betanzos, ambas por riba dos 820.000 euros. A Pobra, Melide, Arzúa ou Padrón completan o grupo de concellos que superan amplamente o medio millón de euros en vendas, evidenciando o impacto positivo e equilibrado do programa no comercio de proximidade en todo o territorio.
