A Deputación de Lugo aproba a licitación dun novo sistema informático de xestión tributaria

venres, 23 de xaneiro do 2026 S. P.

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou por un importe de 3M€ a licitación dun novo sistema informático integral de xestión tributaria e de recadación, que suporá, en palabras do ente provincial, “un salto cualitativo na xestión tributaria da administración provincial xa que permitirá modernizar a administración dos ingresos municipais e mellorar a calidade do servizo prestado aos concellos e á cidadanía”.
Con esta novidade a Deputación busca reforzar a xestión que realiza para 64 concellos da provincia en impostos como o IBI, IAE, IVTM, taxas e outros ingresos públicos, e faino “substituíndo o sistema actual, baseado en tecnoloxías obsoletas, por unha plataforma moderna, segura e altamente eficiente”. O novo sistema, engade a Deputación, “axilizará a tramitación dos expedientes tributarios, prevéndose que máis do 90 % das solicitudes se resolvan o mesmo día da súa apertura, reducindo tempos de espera e desprazamentos innecesarios, e mellorando a atención á cidadanía”.
Ademais, u dos obxectivos fundamentais é “incrementar a eficiencia na xestión dos ingresos municipais sen aumentar a presión fiscal, facilitando aos concellos unha maior dispoñibilidade inmediata dos seus recursos económicos e mellorando a planificación financeira ao longo do exercicio”.
A licitación inclúe tamén a aplicación de ferramentas avanzadas para a xestión dos Plans Personalizados de Pago, que permiten aos contribuíntes cumprir coas súas obrigas tributarias de xeito máis áxil e contribúen a unha distribución máis equilibrada dos ingresos municipais ao longo do ano.
No ámbito da Administración Electrónica, o novo sistema impulsará a Sede electrónica, “permitindo á cidadanía acceder de forma segura á súa información tributaria, realizar trámites con plena validez legal e efectuar pagamentos telemáticos”, informou a Deputación, salientando ademais que incorporará un módulo específico de atención telefónica, “pensado especialmente para persoas con maiores dificultades co uso de medios dixitais”.
O proxecto tamén contará con interoperabilidade con outras administracións públicas, como o Catastro, a Seguridade Social, a Dirección Xeral de Tráfico ou a Axencia Estatal de Administración Tributaria, garantindo rapidez, fiabilidade da información e cumprimento dos Esquemas Nacionais de Interoperabilidade e de Seguridade.
O contrato terá unha duración inicial dun ano, sen posibilidade de prórroga.