A Deputación de Pontevedra destinará 2 millóns a servizos de eAdministración en 65 entidades locais

luns, 26 de febreiro do 2024 S. P.

A Deputación de Pontevedra anunciou que vai continuar prestando os servizos de Administración Electrónica a 65 entidades locais da provincia grazas a un novo convenio de colaboración no que se contempla un custe máximo das actuacións de dous millóns de euros.
O obxectivo é “seguir dando pasos cara adiante para modernizar os concellos e facilitar as relacións entre a cidadanía e a Administración”, informou o presidente provincial, Luis López, engadindo que tamén se busca “asegurar o cumprimento da normativa básica en Administración Electrónica a través do acceso e do uso das ferramentas tecnolóxicas”. Lembrou ademais que “no marco de colaboración coas entidades locais da provincia, a Deputación xa vén ofrecendo o servizo desde 2016, a través de convenios cuxa vixencia remata este mes de marzo”.
As entidades beneficiarias son, por unha banda, todos os concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes, e, pola outra, os de menos de 50.000 habitantes e entidades locais adheridas ao anterior convenio. En concreto, son 55 concellos, catro mancomunidades e seis entidades locais menores adheridas ao convenio de colaboración. A vixencia deste novo convenio de colaboración será de tres anos; é dicir, ata marzo de 2027, e poderá prorrogarse ata un máximo de catro.
Entre os servizos que inclúe atópanse a posta á disposición da ferramenta Plataforma Gestiona, que permite dispoñer dunha sede electrónica personalizada para a relación coa cidadanía, dun portal de tramitación para as persoas traballadoras, así como da xestión integral dos procedementos e expedientes por medios electrónicos; a formación para que o persoal da entidade local poida coñecer adecuadamente o contido dos servizos; e o soporte e mantemento correctivo e de adaptación e seguimento.