A Deputación de Pontevedra impulsará a dixitalización das infraestruturas turísticas de Lalín

venres, 20 de marzo do 2026 S. P.

A Deputación de Pontevedra aprobou esta mañá un convenio co Concello de Lalín co fin de implantar un plan de mercadotecnia e de promoción do destino que estará dotado dun máximo de 73.000 euros.
O presidente provincial, Luis López, sinalou que a través desta acción vanse “dixitalizar as infraestruturas turísticas e museísticas de Lalín” cos obxectivos de “reforzar a xestión turística do destino, consolidar a súa imaxe, ampliar a demanda e incrementar a competitividade do territorio”.
Este proxecto enmárcase dentro do Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) Deza Tabeirós-Terra de Montes. Os camiños por dentro, financiado con fondos NextGenerationEU.
En concreto, os recursos mobilizados pola institución provincial permitirán adquirir unha pantalla transportable de grandes dimensións e tamén dixitalizar a Oficina de Recepción de Visitantes e Peregrinos e mais o museo do Pazo de Liñares coa adquisición de material audiovisual como altofalantes, mesturadores, micrófonos, pantallas e material auxiliar.
O Concello encargarase das subministracións e a Deputación de coordinar o plan, así como de establecer o diálogo pertinente co resto de administracións.
O presidente Luis López, que lembrou que estes recursos súmanse a outra acción aprobada a semana pasada tamén a través do PSTD Deza Tabeirós-Terra de Montes (A Peribici, con 150.000 euros para instalar 15 estacións de reparación de bicicletas), sinalou que “desde o Goberno da Deputación sempre temos moi presente o interior da provincia e concretamente no eido turístico, como a nosa campaña do ano pasado (Cando volves?) na que foi o gran protagonista”.