A Deputación de Pontevedra pon en funcionamento a sede SmartPEME da Estrada

mércores, 28 de febreiro do 2018 Redacción

Xuntanza celebrada en xaneiro na que a Deputación e o Concello confirmaron a participación da Estrada en SmartPEME

Hoxe formalízase finalmente a ampliación do programa SmartPEME, a rede de formación e asesoramento TIC impulsada pola Deputación de Pontevedra. E faise coa incorporación da Estrada, constituíndose finalmente unha rede formada por este concello e por Pontevedra, Vigo, Porriño, Ponteareas, Cambados e Lalín. Segundo explica a entidade provincial, o servizo estradense xorde en parte para evitar os desprazamentos cara a Lalín dos participantes nos obradoiros de SmartPEME. En Lalín, como lembraremos, é onde se atopa o punto da rede que atende ás comarcas do Deza e Tabeirós-Terra de Montes. Por outra banda, a sede estradense, en cuxa posta en marcha tamén colaborou o Concello, pretende dar resposta á elevada demanda local de participación en SmartPEME (o 33% das consultas rexistradas na sede de Lalín).
A partir de hoxe, todos os primeiros e últimos mércores de mes, entre as 10.00 e as 14.30 horas e 16.00 e 19.00 horas, unha persoa especializada en novas tecnoloxías atenderá ás empresas e persoas autónomas no viveiro de empresas da Estrada ás PEME que precisen asesoramento personalizado. Segundo explica a Deputación, un dos sectores que terán un especial seguimento e dedicación será o agrogandeiro, que na comarca de A Estrada, representa preto do 37 por cento do empresariado.
Esta cuarta feira (mércores), amais do inicio dos asesoramentos personalizados, celebrarase un obradoiro formativo, entre as 19.00 e 21.00 horas, titulado A túa páxina web en menos de 90 minutos. Durante o mes de marzo desenvolveranse dous novos obradoiros comezando o día 7 de marzo cun de Factura electrónica (19.00 a 21.00 horas) e outro o día 28 titulado A túa páxina web con Wordpress.
Seguirán a estas accións formativas os obradoiros de A túa páxina web con Wordpress II (25 de abril), Woocommerce-Módulo I. A solución que buscabas para vender por Internet (30 de maio), Woocommerce-Módulo II. A solución que buscabas para vender por Internet (20 de xuño), Google Analytics: iniciación á analítica web (18 de xullo), Google Analtytics: interpretación de datos e toma de decisións (26 de setembro), Comercializa os teus servizos a través das redes sociais (3 de outubro), Unifica a túa xestión das túas redes con hootsuite e outras ferramentas (7 de novembro) e Guía de boas prácticas para redes sociais (5 de decembro), que se celebran todos eles entre as 19.00 e 21.00 horas.
A Deputación tamén engade que, amais da carteira de formación e asesoramento que vai ofertar o SmartPEME na Estrada ao longo do ano, a través desta colaboración tamén se fará especial fincapé nos servizos específicos para o turismo, debido a que a comarca de Terra de Montes conta con importantes recursos turísticos ligados á cultura e ao patrimonio.

PUBLICIDADE