A Deputación de Pontevedra presenta o servizo de implantación da Administración Electrónica

venres, 11 de novembro do 2016 Redacción

Na mañá deste xoves 10 de novembro presentaba Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, o servizo de implantación, uso e soporte das ferramentas de Administración Electrónica para os concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes. Á estrea tamén acudiron o deputado de Innovación e Promoción Económica, Javier Dios, e os alcaldes e alcaldesas, tenentes de alcaldía e concelleiros e concelleiras dos concellos beneficiarios desta iniciativa. Silva subliñou que os concellos se poderán sumar cando o consideren oportuno e sen compromiso de permanencia, respectando a autonomía local.
Silva comezou informando que o servizo de implantación, uso e soporte da Administración Electrónica levado a cabo pola Deputación de Pontevedra “non supón ningún custo económico para os concellos que se adhiran a esta iniciativa”, á que a institución provincial adica arredor de 850.000 €. Como xa apuntamos, os concellos poderanse ir sumando paseniño, sen ningún prazo límite, e sen ningún tipo de compromiso.
A Deputación de Pontevedra pon en marcha este servizo “cumprindo o disposto na lei do Procedemento Administrativo Común”, a cal establece a obriga das administracións a prover os medios necesarios para que a cidadanía se poida relacionar coas Administracións públicas a través de medios telemáticos. “Isto”, sinalou Silva, “traducirase nun achegamento da Administración á cidadanía e nunha mellora da prestación dos servizos dos concellos de cara a eliminar a barreira do espazo e do tempo entre os concellos e a sociedade”.
Lembrar que a Administración Electrónica non supón a desaparición da modalidade presencial, senón que se oferta como unha posibilidade achegada polos concellos ás súas veciñanzas.
Volvendo á presentación perante os concellos, Silva engadiu que "este non vai ser o único servizo tecnolóxico que imos pór á disposición dos consistorios, pois estamos a elaborar novos proxectos para este e os seguintes anos co obxectivo de que a provincia de Pontevedra se converta nun referente tecnolóxico e que todos os concellos poidamos presumir de ter ofertas tecnolóxicas para unha mellor prestación de servizos, así como poder estruturar conxuntamente esa prestación que permita que as administracións locais non teñan que restar recursos das súas escasas capacidades económicas”.

PUBLICIDADE