A EPS de Enxeñaría da USC aumenta o seu equipamento robótico

venres, 18 de decembro do 2020 Pedro Pérez

A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) do Campus de Lugo da USC ampliou a súa “familia robótica” cun robot semi-humanoide e outro todo terreo. Desta maneira, avanzan na consolidación do Grao de Robótica con material que ficará ao servizo de estudantes e docentes.
Ademais dos pequenos robots Turtlebot, que desde o inicio do grao acompañaron aos estudantes, engádense outros dous: o robot Pepper (un semi-humanoide de SoftBank Robotics) e o todo terreo Summint XL de Robotnik. O primeiro está destinado a tarefas de telepresencia, guiado ou asistencia e entre as súas características máis destacadas atópase o recoñecemento de emocións, xesticular e interactuar con persoas.
Así, o robot Pepper permitirá ao alumnado a oportunidade de traballar con el nas materias de proxectos integrados ou de robótica de servizos. As actividades máis reclamadas para este tipo de robots son as de desenvolver e probar solucións baseadas na visión por computadora para recoñecer e interactuar coas persoas, así como engadir comportamentos intelixente no robot.
Doutra banda, o robot Summint está deseñado para tarefas de vixilancia ou acceso a terreos perigosos, sendo capaz de moverse en exteriores con obstáculos, desniveis e condicións de terreo adversas. O robot advirte e percibe movementos desde distancias incluso superiores aos 100 metros. Ademais, Summint tamén pode ser empregado na formación práctica de diferentes materias.
Dende a EPS de Enxeñaría de Lugo están tentando seguir ampliando a “familia robótica” nun futuro próximo coa incorporación do can robótico Unitree A1 Explorer. Desta forma converteríase nun dos primeiros robots deste estilo en Galicia que estará dispoñíbel para o alumnado do Grao de Robótica.

PUBLICIDADE