A FEGAMP achegou en 2025 formación en IA e ciberseguridade aos profesionais das administracións locais
mércores, 31 de decembro do 2025
A Federación Galega de Municipios e Provincias fixo balance da súa actividade capacitadora en 2025 (Plan de Formación 2025), un ano no que formou a 1.724 persoas empregadas nas entidades locais (concellos, deputacións, consorcios e mancomunidades).
Deste xeito, a FEGAMP conseguiu superar as 1.569 persoas participantes no seu Plan de Formación 2024, o que reflicte o importante papel que cumpre, sendo unha referencia formativa no eido das administracións locais. Das persoas participantes no Plan de Formación 2025, 1.193 foron mulleres e 531 foron homes.
O Plan estivo composto por 41 cursos impartidos en varias modalidades (presencial, en liña e telepresencial), e entre os contidos dos cursos atopábanse materias moi solicitadas como a aplicación práctica da Intelixencia Artificial na xestión pública local; servizos como Chat GPT, Gemini, Copilot e outras ferramentas de tecnoloxÃas IA; e ciberseguridade para crear un posto de traballo seguro e máis protexido dende o punto de vista tecnolóxico.
Cos corenta e un cursos do Plan 2025, a FEGAMP suma 639 cursos realizados dende 2008, que tamén suman máis de vinte tres mil douscentos participantes, o que amosa o compromiso real da FEGAMP na mellora da capacidade profesional do persoal dos concellos, deputacións, mancomunidades e consorcios.
