A Fundación CITIC forma á avogacía da Coruña en IA

xoves, 26 de febreiro do 2026 S. P.

Vera Iglesias e Carlos Escudero

O Ilustre Colexio Provincial de Avogados da Coruña e a Fundación CITIC levaron a cabo esta semana o curso Uso de IA xenerativa para avogados co obxectivo de achegar aos profesionais do Dereito as ferramentas máis avanzadas de intelixencia artificial aplicada á práctica xurídica.
O curso foi impartido polo investigador do CITIC da UDC, centro que forma parte da Rede CIGUS da Xunta de Galicia, Carlos J. Escudero Cascón e enmárcase no convenio de colaboración asinado entre ambas as institucións para fortalecer os lazos entre os sectores xurídico e tecnolóxico, promovendo a investigación, o desenvolvemento e a innovación no ámbito das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (as TIC).
Dende o CITIC lembraron que a intelixencia artificial xenerativa, capaz de crear textos, documentos ou contidos de maneira automatizada, “está a transformar a forma en que os avogados xestionan a información e redactan documentos, facilitando a análise de grandes volumes de datos e optimizando tarefas rutineiras”.
Seguindo o dito fío, este curso permitiu ós e ás asistentes coñecer estas ferramentas, aprender a utilizalas de forma responsable e eficiente, comprender os seus riscos e aspectos éticos e explorar como mellorar a produtividade sen comprometer o criterio profesional.
Durante as dúas xornadas de formación abordáronse os fundamentos da IA xenerativa, as ferramentas dispoñibles, aplicacións iniciais no ámbito xurídico, técnicas de prompting avanzado, casos prácticos, consideracións legais, éticas e de ciberseguridade, e concluíuse cun resumo dos principais ensinos e retos que expón esta tecnoloxía no exercicio do Dereito.
Con esta iniciativa, o ICACOR e a Fundación CITIC reforzan o seu compromiso coa transformación dixital e a innovación tecnolóxica en Galicia, ofrecendo aos avogados e avogadas as competencias necesarias para afrontar os desafíos do presente e do futuro nun sector en constante evolución.