A Fundación Carlos Casares promove concursos para dinamizar o galego coa creación de videoxogos e memes
xoves, 27 de novembro do 2025
A Fundación Carlos Casares segue a explorar novas linguaxes formas de comunicación creativa da mocidade e a xuventude co obxectivo de dinamizar o galego. Seguindo este fío, promoveu un concurso escolar de memes polo galego e unha game jam para crear videoxogos de humor na nosa l lingua. Os certames, presentados baixo o epígrafe Dende o galego, con humor, están patrocinados pola Deputación de Pontevedra, a Deputación da Coruña e mais a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia.
Contextualizando estas iniciativas, a Fundación explicou que “a mocidade e a xuventude expresan a súa creatividade de novas e diversas formas, distintas ás veces das convencionais, de aí que sexa o noso obxectivo explorar estoutras formas de comunicación e aproveitalas para expandir a promoción e dinamización da lingua galega”.
Con este compromiso, a Fundación Carlos Casares organiza dous concursos titulados Dende o galego, con humor. O primeiro é un desafío escolar de memes humorísticos que promocionen o uso do galego, onde se premiará a creatividade, o uso da retranca ou aspectos culturais da nosa sociedade vistos desde a perspectiva do alumnado de Galicia.
O segundo é unha game jam para maiores de 18 anos, co obxectivo de crear en 7 días un videoxogo en galego cun tema que será revelado o 5 de decembro, pero que deberá realizarse en lingua galega e ter un ton humorístico.
O certame de memes retranqueiros
O certame de memes está destinado a escolares de ESO e Bacharelato de Galicia. Desenvólvese do 20 de novembro ao 15 de decembro de 2025. O obxectivo específico desta acción é “o de apoiar o proceso de dinamización da lingua galega entre o alumnado de secundaria e bacharelato para que, a través do humor, fomenten a creatividade utilizando ferramentas que lles son propias e familiares e contribuír, deste xeito, á promoción de uso do galego, a mellora do seu prestixio e a súa dinamización social, utilizando a súa propia forma de ver o mundo e a súa creatividade, poñendo de relevo situacións actuais a través do humor”.
O alumnado que desexe participar pode consultar as bases na páxina web da Fundación Carlos Casares. Poderá remitir a súa obra por correo electrónico xunto co seu nome e os datos de contacto dun pai, nai ou titor/a. Os gañadores e gañadoras levarán premios consistentes en vales ata 250 euros para mercar libros e material escolar en librerías locais. O xurado valorará aspectos como a creatividade, a orixinalidade, o uso do humor e a mensaxe que se pretende transmitir.
Dende a Fundación lembran que un meme é “unha peza ou obra cultural gráfica cuxa principal característica é o humor, mesturando creatividade, reivindicación, uso da lingua propia, identidade, sinalando unha idea ou aspecto particular en forma de imaxe e texto escrito, con xogos lingüísticos en relación con esa idea que se quere expresar”.
A game jam
Dirixida a persoas maiores de 18 anos, a Game Jam Dende o galego, con humor busca que desenvolvedores/as, artistas, escritores/as... que traballan, que se están a formar ou que teñen como afección a creación no sector do lecer interactivo leven a cabo en solitario ou en equipos de ata 3 persoas un videoxogo ou prototipo xogable humorístico en lingua galega nun prazo de 7 días, do 5 ao 12 de decembro.
“A particularidade dunha game jam radica en que o tempo de traballo é limitado, e que ademais existe un tema que se revelará ao inicio do prazo de traballo, o 5 de decembro”, explica a Fundación Carlos Casares, engadindo que “desta volta o ton do videoxogo deberá ser humorístico nalgún sentido”.
Os criterios que o xurado empregará para seleccionar os equipos gañadores, en función das súas propostas, serán a adaptabilidade á temática proposta, a narrativa, a estética (arte, música…), a xogabilidade do prototipo, a orixinalidade da proposta e a calidade ou coherencia na aplicación de recursos e/ou complementos.
A páxina da Game Jam está albergada no sitio de videoxogos independente Itch.io, e nela indícase que haberá tres premios para os proxectos presentados que resulten elixidos. O primeiro clasificado levará un premio de 300 euros, o segundo de 150 euros e o terceiro premio 75 euros.
Quen precise consultar as bases do concurso de memes tena na web da Fundación Carlos Casares en formato PDF.
