A Industriosa acolle o sábado 18 un obradoiro sobre procesado de audio con microcontroladores STM32

mércores, 8 de abril do 2026 S. P.

O vindeiro sábado 18 de abril o local de A Industriosa en Vigo, centro de experimentación tecnolóxica e creación colectiva e participativa, acollerá unha sesión práctica para achegar ás persoas participantes ao mundo do procesado de audio dixital con microcontroladores STM32.
“Ao longo da charla”, explican dende A Industriosa, “veremos os fundamentos necesarios para comezar a traballar con audio en tempo real: unha introdución á arquitectura dos STM32, configuración de ADC, temporizadores, DMA e o bus I2S, e como combinar todos estes elementos para recibir, procesar e transmitir son cara a outros dispositivos como DACs, ADCs ou micrófonos dixitais”.
A sesión terá un enfoque totalmente práctico. En cada bloque do contido farase unha demostración en vivo, programando un STM32 sobre unha placa de adestramento, revisando tamén as opcións de depuración mediante o IDE e un ST-Link.
“E por enriba de todo”, engaden dende A Industriosa, “poderemos comprobar os resultados de cada exercicio da mellor maneira: escoitando como cambia o son ao aplicar distintos efectos e rutinas de procesado”.
É unha actividade pensada para persoas con algunha base previa en programación e electrónica. Ideal, por exemplo, para quen xa programou un pequeno proxecto en Arduino e traballou con dispositivos I2C. Tamén poderán seguila todas as persoas que non estean afeitas a argallar con Arduino. As inscricións poden facerse a través de Meetup.
Esta actividade está patrocinada pola Xunta de Galicia e pola Axencia Para a Modernización Tecnolóxica (AMTEGA).